A REDE VIARIA PROVINCIAL PRECISOU DE MEDIO MILLEIRO DE ACTUACIÓNS DE EMERXENCIA DAS BRIGADAS DE MOBILIDADE NO 2018
· O deputado Uxío Benítez explica que as actuacións por accidentes de tráfico foron as máis numerosas do exercicio ao baixar as incidencias pola climatoloxía
As brigadas de conservación e mantemento da mobilidade na rede de estradas provinciais realizaron ao longo do ano 2018 un total de 470 actuacións de emerxencia
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
As brigadas de conservación e mantemento da mobilidade na rede de estradas provinciais realizaron ao longo do ano 2018 un total de 478 actuacións de emerxencia, unha cifra máis baixa que a dos tres anteriores exercicios debido á redución das incidencias por causas climatolóxicas. As borrascas, de menor intensidade, crearon menos complicacións e non foi preciso facer tantas saídas por asolagamentos, retirada de árbores, nevadas ou inundacións o que motivou, segundo confirmou o deputado responsable do departamento de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, que as actuacións por accidentes de tráfico volveran ser as máis numerosas.
As actuacións de emerxencia das brigadas de mantemento da mobilidade das estradas provinciais, lembra Benítez, son a resposta aos avisos chegados a través da Unidade de Control e Vixilancia da Deputación, que recibe e organiza as chamadas do 112, gobernos locais e outros servizos de emerxencia de toda a provincia durante as 24 horas do día, 365 días. Con datos a 31 de decembro as incidencias máis habituais foron o soporte e atención en accidentes de tráfico, para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (162); as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (108 fronte ás 201 do 2017); a sinalización e actuacións por desprendementos de noiros con terra e pedras (48); a recollida de animais soltos (45); fochancas (31); asolagamentos (24); así como saídas por nevadas ou xeo (16 fronte ás 49 de 2017); e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de alcantarilla, postes caídos, retirada de metais…).
Por meses do ano, a mínima de actuacións de emerxencia das brigadas rexistrouse no mes de setembro, con 16 e a máxima no mes de novembro con 81, sendo a o inverno e a primavera as estacións que acumularon máis actividade. Así, no mes de xaneiro alcanzáronse 47 actuacións motivadas principalmente pola borrasca ‘David’; 39 no mes de febreiro –cando apareceu o temporal Emma-; outras 66 no mes de marzo coincidindo coas borrascas Félix, Gisele, e Hugo; 47 no mes de setembro e as mencionadas 81 de novembro, cando se rexistraron importantes ventos e chuvia polas borrascas Adrián, Beatriz e Carlos, que fixeron que as nove brigadas estivesen a pleno rendemento.
Zonas da provincia
A zona Centro da provincia, formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, estando atendida por tres brigadas con base en Pontevedra, rexistrou 185 actuacións de emerxencia, sendo os municipios de Caldas, Moaña, Barro e Pontevedra os que máis medios precisaron.
A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, está formada polos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e chegou a 87 actuacións. O municipio da Estrada foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 38 emerxencias, xa que se trata tamén dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais.
Finalmente, dúas brigadas da zona Sur atenden a maior extensión do territorio nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos. Nestas vías actuouse tamén en 206 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas.
Os concellos nos que menos incidencias se detectaron este 2018 foron Cambados (2 emerxencias), Poio (1), Portas (2), Dozón (1), Mos (2), O Rosal (1) e Oia (1). Non se recibiron avisos dos concellos de Pontecesures, Vilagarcía, Agolada, Crecente, Salceda e A Guarda, en moitos dos casos polo escaso número de estradas provinciais no seu territorio.
Atención 24 horas
Segundo lembra o deputado Uxío Benítez, o sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas ao día 365 días ao ano seguindo un protocolo automatizado que permite unha rápida resposta. As alertas por problemas que non permiten axeitadamente a circulación de persoas ou vehículos nas estradas provinciais chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación tanto a través da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, así como tamén do servizo 112 - que activa un protocolo de actuación propio-.
O servizo de Vixianza a Deputación encárgase de recoller o nome da estrada na que se produce a incidencia, punto quilométrico e causa e transmíteo á brigada máis próxima das nove existentes. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…) mantense outra brigada en retén e as demais en garda localizada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario