3 de xan. de 2019

A GUARDA

Os Reis Magos chegan á Guarda 

Para visitar a Residencia de Maiores e participar na Cabalgata  


Infogauda / A Guarda

 A programación de Nadal remata esta fin de semana na Guarda coa visita dos Reis Magos á Residencia de Maiores e a súa participación na Cabalgata de Reis. Ademais tamén segue aberta ata este domingo a Pista de Xeo na Alameda.

  

 A Pista de Xeo continúa en funcionamento ata este domingo día 6 de xaneiro. As entradas teñen un custo de 6€ mercándoas de xeito anticipado nos establecementos da vila e 7€ na propia pista. Cada entrada permite o acceso á pista o longo de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo. O aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer luvas para as mans. O horario de luns a venres é de 16:00 a 22:00 horas- Os días 5 e 6 de xaneiro funcionará de 11:00  a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.  



 As Súas Maxestades de Oriente visitarán este venres día 4 de decembro pola tarde a Residencia da Terceira Idade Monte Tecla, onde estarán acompañados pola Charanga Vaia Panda e o Grupo Do Lusco ó Fusco, para animar e bailar cos nosos maiores nun día moi especial. Contarase tamén coa presenza do alcalde, a concelleira de Turismo e a concelleira de Servizos Sociais. 


 O sábado día 5 de xaneiro terá lugar un dos actos máis importantes do Nadal na Guarda, a Cabalgata dos Reis Magos que terá inicio ás 18:00 horas con saída dende a Alameda da vila acompañados pola comitiva de paxes, 4 asociacións da vila e unha charanga que amenizará musicalmente este evento. 

 Os Reis Magos percorrerán as rúas Rosalía de Castro e Galicia para rematar na Casa dos Alonso, onde recibirán as nenas e nenos entregando agasallos e lambonadas para todos. Durante o percorrido repartirán caramelos dende as súas carrozas.  

 Dende o Concello da Guarda se convida seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, está dinamizando a actividade na vila e chama a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario