17 de xan. de 2019

A GUARDA

SANIDADE

O Servizo Galego de Saúde asume os gastos de mantemento do Centro de Saúde da Guarda 

· As arcas municipais da Guarda investiron no ano 2018 un total de 48.537,60 euros


O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade, María Teresa Vicente Baz, diante do Centro de Saúde
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado martes día 15 de xaneiro de 2019 o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba e María Jesús Piñeiro, directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, asinaron o acordo para a asunción dos gastos do Centro de Saúde PAC da Guarda por parte da Consellería de Sanidade, unha vella reivindicación, trala cal o Concello da Guarda cede a titularidade do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade. Así o ven de indicar o executivo municipal do concello guardés á Redacción deste xornal dixital transfronteirizo.

 As mesmas fontes municipais indican tamén: Unha vez finalizado este proceso de cesión o SERGAS é o encargado de asumir os gastos de funcionamento desta infraestrutura, na que as arcas municipais da Guarda investiron no ano 2018 un total de 48.537,60 euros.  

 O Concello da Guarda comprometeuse a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios, remitindo previamente toda a documentación e facilitando toda a información solicitada pola Xerencia de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde para evitar problemas no proceso de cambio de titularidade dos contratos de subministración existentes ata esta data.  

 Como se relembra desde o executivo municipal a decisión de iniciar este procedemento fora xa adoptada nun acordo plenario de xaneiro de 2009, facendo unha rectificación do Inventario de Bens Municipais para poder ceder esta titularidade á Consellería de Sanidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario