18 de ago. de 2018

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Este luns día 20 Peitieiros inicia a VI Semana Cultural 

Coa que abre o XXV Festival Folclórico Internacional


Informa: Centro Cultural e Recreativo Peitieiros / Peitieiros (Gondomar)


 O Centro Cultural de Peitieiros inicia este 20 de agosto a VI Semana Cultural coa que abre o XXV Festival Folclórico Internacional, que terá lugar o vindeiro sábado 25 de agosto, ás 19:30 horas. Cinco xornadas de actividades culturais gratuítas que se desenvolverán en Peitieiros. 

 Neste ano en que se celebra o XXV aniversario do grupo Ecos e Agarimos, o CCV de Peitieiros decidiu iniciar a Semana Cultural dedicando dous días a mostrar o grupo desde dentro. Para iso, están convocados, ás 20:00 horas no adro de Peitieiros, dúas sesións de ensaio abertas, o luns 20 centrada na actividade de baile e o martes 21 na de gaita e percusión. 

 Programa de mércores a venres 

 O mércores 22: xeira coorganizada co IEM sobre a toponimia do monte de Peitieiros: Polos cumes de Peitieiros. A paisaxe nomeada, guiada por Xosé Lois Vilar. Punto de encontro ás 19:00 horas no alto de San Antoniño. 

 O xoves 23 ás 21:00 h. será inaugurada a exposición “30 anos de ghaitada”.  

 Ás 22:00 horas a compañía Trasluz teatro poñerá en escena ao aire libre a obra Piollosos, interpretada por Pablo Carrera e Aldán Dacosta. 

 O venres 24 ás 22:00 h decorrerán os Cantos de taberna, co Grupo de canto tradicional do CCV de Peitieiros e o Grupo Mistura de Vigo.  

 E o sábado 25, a partir das 19:30 h., o XXV Festival Folclórico Internacional.

LABORAL

Os axentes ambientais e forestais mobilizaranse en Vigo en defensa do patrimonio natural galego 

· Convocan unha manifestación dende a Praza de España (popularmente coñecida como Praza dos Cabalos), o mércores día 22 de agosto, ás 19:00 horas


Infogauda / Vigo

 O comité de folga (CIG e UGT) dos axentes ambientais e forestais da Xunta, en paro indefinido dende o pasado 1 de agosto para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo, convoca unha manifestación na defensa do patrimonio natural galego o mércores día 22  de agosto, dende a Praza dos Cabalos de Vigo ás 19:00 horas.  
   
 Con esta marcha, que rematará a carón da estatua de Xulio Verne, na rúa As Avenidas, os traballadores/as públicos/as queren reivindicar tamén a labor de defensa e custodia dos nosos valores naturais que desenvolven no seu día a día e reclamar uns servizos públicos de calidade, así como a dignificación e profesionalización dos axentes ambientais e dos traballadores/as forestais.  

 Dende o colectivo de axentes ambientais e forestais fan un chamamento a organizacións ecoloxistas, comunidades de montes, entidades na defensa do medio natural e ao conxunto da cidadanía a participar na mobilización para reivindicar “un rural e un monte vivos, porque o noso medio ambiente pide axuda”.