Alejandra Vallejo-Nájera clausura este xoves "Tempo de Saúde" no Museo de Pontevedra
· Cunha conferencia que aboará os trastornos depresivos ou de ansiedade
· A recoñecida psicóloga, articulista e colaboradora de televisión estará acompañada polo xefe de sección do Servizo de Psiquiatría do CHOP, Alfonso Casas Losada
Infogauda / Pontevedra
A recoñecida psicóloga, articulista e colaboradora de televisión, Alejandra Vallejo-Nágera, clausurará este xoves ás 19.00 horas no Museo de Pontevedra a última conferencia do ciclo "Tempo de Saúde", unha novidosa e pioneira iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Colexio Oficial de Médicos e de Médicas de Pontevedra. A charla, que tamén contará coa participación do xefe de sección do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Alfonso Casas Losada, e á que acudirá a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, versará sobre os trastornos depresivos e a ansiedade.
Tanto Vallejo-Nágera como Casas Losada son destacadas personalidades no eido da psicoloxía e da psicoterapia. No caso da primeira poñente, ademais de ser profesora de Psicoloxía Médica e Neuropsicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, tamén é membro do equipo do Centro Médico Cirúrxico de Enfermidades Dixestivas (CMED). Pero a súa influencia tamén se estende ao mundo dos medios de comunicación. É colaboradora asidua do programa "Saber vivir", de TVE, así como de "Gente despierta", de RNE. En canto ao doutor Casas Losada, é psiquiatra pola Universidade Autónoma de Madrid e, na actualidade, exerce o cargo de xefe de sección do Servizo de Psiquiatría do CHOP. Tamén ten unha ampla e avalada experiencia en psicoterapia, psicoxeriatría e demencias, así como en psiquiatría legal.
Esta conferencia que se celebrará mañá no Museo de Pontevedra porá fin ao ciclo "Tempo de Saúde" que na súa primeira edición acadou un rotundo éxito. Conseguiu chegar a máis de 1.600 persoas de 22 concellos da provincia e contou coa participación de ata 13 profesionais do eido sanitario. Esta iniciativa, que ten por obxectivo concienciar á poboación da provincia en temas de saúde que lle afectan directamente, consistiu nunha serie de accións formativas dirixidas á xuventude, á terceira idade e a entidades sociais e sociosanitarias sobre asuntos relacionados coa nutrición e a prevención de enfermidades de transmisión sexual no primeiro caso; sobre trastornos depresivos e ansiedade, así como hospitalización a domicilio e telemedicina no segundo; e sobre enfermidades raras e neurodexenerativas no terceiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario