3 de dec. de 2018

PONTEVEDRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra asina con dez novos concellos os convenios para a execución dos proxectos DepoRemse 

· Deste xeito, están xa en marcha as 31 iniciativas beneficiarias do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais

A presidenta da Deputación de Pontevedra coas alcaldesas e alcaldes - ou representantes de concellos - da provincia que hoxe asinaron os convenios de colaboración
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, no Pazo provincial, con dez alcaldesas e alcaldes da provincia os convenios de colaboración para a execución e financiación dos proxectos beneficiarios do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse). Deste xeito, xunto aos convenios asinados o pasado 22 de novembro con outros 21 municipios, péchanse as sinaturas para a posta en marcha dos 31 proxectos beneficiarios deste Plan, que conta cun investimento de 11 millóns de euros.  

 No acto de hoxe participaron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; o alcalde do Grove, José Cacabelos; o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal; a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Seguridade Cidadá de Tui, Antonio Castro Negro; e o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes.  

 A presidenta provincial explicou que o Plan DepoRemse continúa no obxectivo do Goberno provincial de "implementar en toda a provincia un modelo de territorio baseado na seguranza viaria, na mobilidade, na accesibilidade universal e na recuperación do espazo público. Un dos nosos grandes obxectivos é crear un territorio diferente onde as e os protagonistas sexan as persoas. Cada día máis, a xente reclama ter espazos onde poder moverse e relacionarse e nesa liña se enmarca DepoRemse". Carmela Silva agradeceu ás alcaldesas e alcaldes o seu compromiso con este "novo modelo de mobilidade, porque este modelo é transformador e as transformacións realmente importantes hai que ter unha certa valentía para poñelas en marcha porque significan cambios moi relevantes sobre as formas tradicionais de actuar".  

 A presidenta resaltou ademais que o Plan DepoRemse está sendo un exemplo máis da "gran capacidade que teñen as entidades locais para xestionar proxectos. Cada unha e un de vós foi capaz de presentar un proxecto rigoroso que cumpría cunhas bases tamén rigorosas e esixentes. Xunto aos 21 convenios asinados en novembro, moitos deles xa en licitación, isto demostra que moitas veces as entidades locais son as máis eficaces e as máis eficientes". 

 Na comarca de Pontevedra, o proxecto que se vai financiar en Cuntis consiste na remodelación da seguridade viaria do polígono industrial, no que a Deputación achega 499.162 euros para un orzamento total de 554.625,33 €. Nas comarcas do Condado e Paradanta, en Mondariz vaise executar a mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos, cun total de 239.995 euros, dos que a Deputación pon 215.995 euros. 

 Na comarca do Salnés, o Concello de Meaño vai executar a remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais do entorno dos centros educativos de Dena. Cun investimento total de 303.819,92 euros, a Deputación aporta 273.437 euros. En Vilagarcía de Arousa vaise realizar a mellora integral da mobilidade e seguridade viaria na contorna do recinto de Fexdega. A Deputación achega 309.346 euros para un total de 386.683,38 euros.  

 O calmado do tráfico e a mellora da accesibilidade no colexio Rosalía de Castro é o proxecto que se vai desenvolver no Grove, por valor de 450.806,34 euros, dos que a Deputación pon 383.185 euros. En Pontecesures execútase o proxecto de mellora da mobilidade e seguranza viaria nas rúas do Castro e de Infesta. Cun orzamento global de 268.317.09 euros, o Goberno provincial achega 241.485 euros.  

 Na comarca de Vigo, O Porriño desenvolve a mellora da mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e a súa contorna, por valor global de 499.815,87 euros, dos que a Deputación pon 424.843 euros. En Salceda de Caselas, Deputación e Concello financiarán a urbanización do antigo campo da feira da Devesa cun orzamento de 521.070,99 euros, dos que o Goberno provincial achega 468.963 euros.  

 Na comarca do Baixo Miño, en Tomiño executarase a mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da praza do Seixo. Cun investimento total de 669.009,59 euros, a Deputación aporta 500.000 euros. En Tui, o proxecto consiste na mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Paramos, para o que a institución provincial achega 424.843 euros dun total de 499.815,97 euros.  

 En total, o Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) beneficia a 31 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 11 millóns de euros. A través de DepoRemse, a Deputación impulsa proxectos que van permitir aos concellos remodelar rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. Trátase dun novo instrumento de cooperación entre a institución provincial e os concellos que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario