Un alumno de 6º de primaria do CEIP de Refoxos gaña o concurso de debuxo infantil “Os Reis Magos chegan a Oia”
O traballo gañador ilustrará o cartel da Cabalgata de Reis de 2019
Mateo Gómez Giráldez, alumno de 6º curso de Educación Primaria do CEIP de Refoxos, é o autor deste debuxo o cal o xurado do concurso de debuxo infantil “Os Reis Magos chegan a Oia” concedeulle o primeiro premio
Infogauda / Oia
O xurado do concurso de debuxo infantil “Os Reis Magos chegan a Oia” concedeu o primeiro premio a Mateo Gómez Giráldez, alumno de 6º curso de Educación Primaria do CEIP de Refoxos.
Pola súa banda, o segundo e terceiro premio recaeron en alumnado do CEIP Mestre Manuel García. Concretamente, en segundo lugar quedou Claudia Domínguez Salinas, de Educación Infantil (5 anos); mentres que o terceiro posto foi para Mario Seijo Domínguez, de 3º curso de Educación Primaria.
O Concello de Oia convocou o pasado mes de novembro un concurso de debuxo infantil aberto ao alumnado dos dous centros educativos do municipio. Baixo o título “Os Reis Magos chegan a Oia”, aos participantes pedíaselles que ilustrasen, con técnica libre, a súa visión sobre os Reis Magos.
Este ano, os traballos recibidos caracterizáronse pola súa gran calidade e a variedade de técnicas empregadas: rotuladores, lapis de cores, acuarela ou collage, entre outras.
Do total de debuxos presentados ao certame, un xurado composto por un mestre de cada un dos colexios e máis un representante do Concello de Oia seleccionou as tres ilustracións gañadoras. Os autores recibirán diversos premios en recoñecemento ao seu bo facer.
Premios
En canto aos premios para os gañadores do certame, o debuxo vencedor ilustrará o cartel que anunciará a Cabalgata de Reis de 2019.
Ademais, os tres clasificados recibirán un diploma e máis un lote de libros.
A entrega de galardóns desenvolverase o día 5 de xaneiro despois da Cabalgata de Reis no pavillón do CEIP Mestre Manuel García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario