24 de dec. de 2018

OIA

A Apalpadora visita Oia o próximo 26 de decembro     

Infogauda / Oia

 A Apalpadora visitará Oia este Nadal para coñecer a todos os nenos e nenas do municipio e repartir landras e moita ilusión no vindeiro ano 2019. O encontro será o día 26 de decembro ás 17.00 horas no Centro Cultural de Mougás, dentro da Semana Cultural.  

 Directamente desde as montañas, a Apalpadora chegará a Oia cunha actividade musical na que falará da importancia de coidar a natureza e de manter unha vida sá. Tamén explicará os beneficios da compostaxe e mostrará aos pequenos e pequenas o valor da lingua galega.   

 Ademais, repartirá sobres con landras recollidas polo persoal da Estación Fitolóxica de Areeiro, nunha divertida tarde onde a natureza, a vida no rural, a maxia e a ilusión serán as protagonistas.  

 Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa Nadal en Galego da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua) e está incluída na programación da Semana Cultural que organiza a Asociación Veciñal de Mougás, coa colaboración do Concello de Oia.

O Concello de Oia ofrece obradoiros infantís de instrumentos musicais, maquillaxe e doces dentro da Programación de Nadal   

As actividades desenvolveranse nas parroquias de Loureza e Viladesuso    

 O Concello de Oia organiza varios obradoiros infantís dentro da Programación de Nadal no municipio, os cales se celebrarán nas parroquias de Loureza e Viladesuso nos meses de decembro e xaneiro.  

 O día 28 de decembro a Abadía de Loureza acollerá os obradoiros de elaboración de instrumentos musicais e maquillaxe. As actividades desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e nelas poderán participar nenos e nenas a partir dos 4 anos.   

 Posteriormente, o 4 de xaneiro no Centro Cultural de Viladesuso haberá un obradoiro de elaboración de madalenas e galletas con decoración de Nadal. O horario desta actividade será de 10.00 a 13.30 horas e poderán participar nela pequenos a partir dos 7 anos de idade.   

 Ambos obradoiros son gratuítos, previa inscrición no Concello. Os prazos para apuntarse son os seguintes:   

- Obradoiros de instrumentos musicais e maquillaxe (Loureza): inscricións ata o 27 de decembro.

- Obradoiro de madalenas e galletas (Viladesuso): inscricións ata o 2 de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario