A Pista de Xeo abre as súas portas
· O vindeiro martes día 18 de decembro, na Alameda da vila
Infogauda / A Guarda
Como vimos informamos os amables lectores deste xornal dixital transfronteirozo, o Nadal chegou á Guarda e conta cunha programación de actividades extensa e variada na que destacan o teatro, a animación musical polas rúas, os concertos de panxoliñas, os obradoiros de decoración, as chocolatadas, a instalación por primeira vez na vila dunha pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis.
A Guarda vive a maxia do Nadal con actividades ata o 6 de xaneiro.
Dese xeito, e continuando coa programación o vindeiro martes día 18 de decembro será o día de apertura da Pista de Xeo que está instalada na Alameda da vila. As entradas custan 6€ se as mercamos de xeito anticipado nos máis de 50 establecementos colaboradores da vila, e 7€ na propia pista.
Cada entrada dará acceso á pista de xeo da Alameda, que ten unhas dimensións de 20m x 10m e cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo. O aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer luvas para as mans.
O horario de luns a venres será de 16:00 a 22:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.
O 25 de decembro de 2018; 5 e 6 de xaneiro de 2019, funcionará en horario de fin de semana e o 24 e 31 de decembro en horario continuo de 11:00 a 19:00 horas. O 1 de xaneiro funcionará só en horario de tarde de 16:00 a 22:00 horas.
Todos aqueles comercios que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir talonarios de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 608 920.
Dende o Concello da Guarda se convida a seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario