10 de dec. de 2018

A GUARDA

O BNG congratúlase da adhesión do concello da Guarda a Plan Revitaliza de compostaxe  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “Despois de 3 anos de mocións e escritos presentados polo BNG, ao final o goberno do PSOE caeu da burra e adhírese ao Plan Revitaliza de Compostaxe da Deputación de Pontevedra”    

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO congratúlase polo cambio de opinión do Alcalde da Guarda e do goberno municipal do PSOE, que despois de 3 anos decidiu integrarse dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.   

 “Tiveron que pasar 3 anos - sinala Ángel Luis Baz -, 3 anos perdidos de axudas para o desenvolvemento dunha estratexia de xestión do lixo baseada na compostaxe. Como sempre os concellos da comarca anticipáronse á Guarda, grazas a un goberno totalmente sumido na inacción e na autocompracencia”.  

 O portavoz municipal do BN no Concello de A Guarda indica igualmente: O Plan Revitaliza nas diferentes liñas de apoio, sufragaría as asistencias técnicas para a redacción dun Plan municipal de recollida e tratamento dos residuos domiciliarios, a adquisición de vehículos, minitrituradoras,...  

 “Preocúpanos o descoñecemento do Plan Revitaliza do grupo de goberno, cando o seu concelleiro delegado nin sequera sabe de que van as liñas de dito plan. Un despropósito do goberno do PSOE”, sinala Ángel Luis Baz. 

 O BNG pula por un modelo de xestión do lixo diferente ao que se está a desenvolver na Guarda, cunha decidida aposta pola compostaxe, por un tratamento máis respectuoso do medio ambiente, lembrando que ademais do aforro da factura que temos que pagar a SOGAMA, significaría a creación de postos de traballo, conclúe o portavoz nacionalista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario