19 de dec. de 2018

A GUARDA

A Pista de Xeo xa está operativa

O alcalde Antonio Lomba Baz, recordou que esta foi unha demanda dos veciños e comerciantes da vila nos pasados anos

Montserrat Magallanes Álvarez, Antonio Lomba Baz, Mª Elena Baz Rodríguez e Paulino Rodríguez González, onte pola mañá, no acto de inauguración da pista de xeo instalada na Alameda da Vila
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Nadal xa chegou á Guarda e conta cunha extensa e variada programación de actividades, na que destacan o teatro, a animación musical polas rúas, os concertos de panxoliñas, os obradoiros de decoración, as chocolatadas, a instalación por primeira vez na vila dunha pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis. 

 A programación esténdese ata o 6 de xaneiro. E decir, todo un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal. O pasado martes día 18 de decembro a Alameda acolleu a sesión inaugural da Pista de Xeo, instalada nun recinto cuberto. Escolares dos centros educativos da vila e varias asociacións e colectivos da vila acoden esta semana en horario de mañá para poder gozar desta Pista de Xeo, instalada por primeira vez na vila. 

 A concelleira de Turismo e Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, amosou onte martes a súa ledicia por que a Pista de Xeo sexa xa unha realidade na vila da Guarda, para que nesta época de Nadal veciños e visitantes podan gozar duns momentos de diversión, convidando á cidadanía a visitar esta instalación na Alameda da Guarda. 

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, recordou que esta foi unha demanda dos veciños e comerciantes da vila nos pasados anos, e que este ano se poderá empregar durante todo o Nadal, dinamizando e servindo coma un atractivo máis para A Guarda. 

 As entradas custan 6€ de xeito anticipado nos máis de 50 establecementos colaboradores da vila e 7€ na propia pista. 

A pista de xeo estará na Guarda todo o Nadal

 Cada entrada da acceso á pista de xeo da Alameda, que ten unhas dimensións de 20m x 10m e cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo. O aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer luvas para as mans.  

 O horario de luns a venres é de 16:00 a 22:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas. O 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro funcionará en horario de fin de semana e o 24 e 31 de decembro en horario continuo de 11:00 a 19:00 horas. O 1 de xaneiro funcionará só en horario de tarde de 16:00 a 22:00 horas. 

 Todos aqueles comercios ou empresas que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir talonarios de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito, teléfono 986 608 920. 

 Dende o Concello da Guarda se convida a seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario