26 de dec. de 2018

A GUARDA

O Concello pechará o 2018 con actividades para todas as idades  

Infogauda / A Guarda

O Concello de A Guarda continúa desenvolvendo a programación de Nadal con animación musical polas rúas, concertos, obradoiros de decoración, teatro, chocolatadas, pista de xeo, barferencia e moitas máis actividades que se estenden ata o  6 de xaneiro.



 O mércores 26 de decembro a Casa dos Alonso acolle o obradoiro infantil “Decora o teu Concello” no que nenas e nenos da vila participarán na decoración de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenos e nenas, as inscricións xa están pechadas. 


 O xoves 27 de decembro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo Do Lusco ó Fusco de 11:00 a 13:00 horas. Unha maneira de dinamizar e incentivar as compras na vila. Ademais contarase con chocolate quente de balde para todos os que visiten o Mercado da Praza de Abastos da localidade. 


 Xa pola tarde do xoves 27 de decembro ás 17:30 horas o Centro Cultural acolle a sesión de teatro “Tristán” a cargo da compañía Elegante Elefante. As entradas están dispoñibles dende o 17 de decembro no Centro Cultural. “Tristán” é un espectáculo visual dirixido ao público infantil dos 3 aos 12 anos. Unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e os personaxes falan nunha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público, e a música acompaña o ritmo dinámico da acción.



 Tamén o xoves 27 de decembro ás 20:30 horas, a Cafetería Alameda acolle a segunda Barferencia de Inverno 2018, onde contarase coa presenza de Brais X. Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica. Ámbolos dous ponentes participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas salinas do Seixal, incluidas no proxecto “A Guarda, Mar de Sal”.


 O venres 28 de decembro ás 21:00 horas, o Centro Cultural da Guarda acolle a sesión “Route 66” de Teatro-Clown musical para adultos da Blues Grampas, unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban  e Carlos Sante. Entradas dispoñibles ata completar o aforo, dende o 17 de decembro no Centro Cultural da Guarda. 

 Para o sábado día 29 de decembro, a Charanga Vaia Panda será a encargada da amenización musical das rúas da vila entre as 11:00 e as 13:00 horas. 


 Tamén o sábado 29 de decembro ás 12:00 horas o Centro Cultural da Guarda será o escenario dunha visita moi especial para os nenos nesta tempada de Nadal, “O Apalpador”. Neste espectáculo, para público familiar a partires dos 3 anos, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas as nenas e nenos que non teñen nada nas súas barriguiñas. Retirada previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario