6 de nov. de 2018

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba o proxecto "Depoapicultura" para fomentar e mellorar a taxa de emprego no sector apícola 

Conta cun orzamento de máis de 102.000 euros, dos que o Fondo Social Europeo achega preto de 70.000 euros e outros máis da 22.000 euros a institución provincial

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra 

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar "Depoapicultura", un proxecto para o fomento, a creación e a mellora do emprego en actividades económicas relacionadas co medio ambiente e, máis en concreto, co sector apícola. Enmarcado no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade, "Depoapicultura" conta cun orzamento de 102.221,84 euros. Dese total, 68.582,43 euros achégaos o Fondo Social Europeo e outros 22.159,41 euros a institución provincial. Ademais, este programa tamén conta cunha colaboración de preto de 12.000 euros da Deputación de Zaragoza.  

 Segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este programa, que está destinado a persoas desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, vertébrase en tres eixos. O primeiro consiste nunha formación teórico-práctica sobre apicultura sustentable para as interesadas e interesados no sector. Para levala a cabo, desenvolveranse dous cursos de "Apicultura moderna e sostible" de 50 horas de duración. Mentres que un será formación presencial, o outro contará cun formato semipresencial. O segundo eixo consistirá na creación dunha base de datos coas e cos participantes destes cursos formativos para que estea dispoñible para as e os ofertantes de emprego relacionadas e relacionados co sector apícola. E en terceiro e último lugar, a creación dunha rede que aglutine a axentes implicados e implicadas no desenvolvemento rural desas zonas.  

 Ademais, Silva recalcou a importancia "de que as zonas rurais conten con este tipo de proxectos para loitar contra a desertización". Por iso, coa posta en marcha de "Depoapicultura", preténdese cumprir unha serie de obxectivos entre os que destacan a creación de emprego verde, o impulso da innovación social con impacto ambiental positivo, a promoción da creación e do crecemento de empresas verdes e a conexión con ecosistemas de emprendemento sustentable, así como a mellora da taxa de emprego no sector apícola e, sobre todo, a daquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral.  

 Silva tamén recordou que "Depoapicultura" únese a outros proxectos relacionados co emprego verde e que están impulsados pola institución provincial a través de fondos europeos. Máis polo miúdo, trátase de Depoverde e de Protura. "Os tres proxectos contan cun orzamento aproximado de 340.000 euros para a formación e o desenvolvemento de actividades económicas con potencial de futuro nas zonas rurais", concluíu a presidenta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario