19 de nov. de 2018

O PORRIÑO

SANIDADE

OS MÉDICOS DO PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA (P.A.C.) DO PORRIÑO INFORMAN Á CIDADANÍA SOBOR DA SITUACIÓN DESE SERVIZO

 O PAC do Porriño é o centro con maior presión asistencial da área de Vigo fóra do núcleo urbano principal. Habitualmente desempeña a súa función cunha gran infradotación de medios: tanto o persoal como o espazo do que se dispón é claramente insuficiente para a presión asistencial que soporta. Aínda así, grazas ao esforzo e enorme profesionalidade dos seus traballadores/as, ata a data demostrou ser resolutivo e eficaz.   

 A día de hoxe o servizo neste PAC vense prestando en equipos de dous médicos/as e dous enfermeiros/as que fan gardas de 17 ou 24 horas cada catro días. Isto é, hai oito prazas de médico/a e oito de enfermería previstas, e con esta rotación cóbrense todos os días do ano, incluíndo todas as noites, fins de semana e festivos. Ata agora era un PAC de traballo duro pero levadío. Dun tempo para acá, a carencia de persoal e a incapacidade do Sergas para atopar substitutos estando obrigados/as a prestar asistencia igualmente, converteu a vida do persoal aínda dispoñible nun auténtico inferno. Nos próximos días, e por diferentes motivos, (vacacións ás que o persoal ten dereito, pendentes de gozar; unha excedencia pedida por un profesional para o coidado de fillos/as menores a cargo; e tendo a algúns efectivos de baixa por enfermidade), vai contar con catro profesionais médicos menos. Estas ausencias pasarán a ser cubertas maiormente polo resto do persoal dispoñible en activo, isto é: catro médicos/as pasarán de modo obrigatorio a levar a cabo o traballo que viñan realizando oito.   

 Esta situación, que debera ser excepcional, é a segunda vez que ocorre en dous meses. Tamén debera ser excepcional que o servizo quede descuberto, como ocorreu o pasado 17 de novembro durante dúas horas ao non ser cuberta unha ausencia prevista por vacacións. Unha vez exposto o anterior, sentímonosco deber e a responsabilidade de informar á poboación do que está a ocorrer. Cando acuda por unha urxencia ao PAC de Porriño nos próximos días debe saber que vai ser atendido por profesionais extenuados tanto física, pola dureza das quendas que se están vendo obrigados a soportar, como psicoloxicamente por non saber cando vai terminar esta situación. Situación que era facilmente predicible por calquera (non en balde e por diferentes medios vén advertindo da mesma desde hai tempo) menos polos responsables do Sergas, para os que parece que outra volta de torca máis sempre é posible.    

Atentamente, os médicos/as do PAC do Porriño. 

Nota da Redacción de Infogauda:

 A información precedente está suscrita por 8 médicos do PAC do Porriño, cos seus nomes, apelidos e números de identidade persoal, cuxa publicación omitimos voluntariamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario