V TRAIL DO TREGA
· Máis de 400 deportistas “tomaron” o oppidum Monte Santa Trega
Saída desde á Alameda dos participantes do Vº «Trail do Trega»
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
A Guarda acolleu o pasado domingo día 25 de novembro a quinta edición do evento deportivo «Trail do Trega», que este ano contou con dúas modalidades de competición, a proba «Mergelina 10k» e «Castros Celtas 18k», cun desnivel acumulado de cada unha delas de 650 e 1100 metros respectivamente, ademáis dunha andaina non competitiva.
Para o alcalde da Guarda este tipo de probas son hoxe en día un importante pulo deportivo, contando con moita implicación e participación, sendo o monte Santa Trega, un espazo natural incomparable para a práctica deste deporte.
Manuel Javier Crespo González, concelleiro de Deportes, destacou que esta é a quinta edición dun evento que se consolida no calendario anual deste tipo de probas deportivas, que esperta gran interese e no que participan un bo número de persoas, unha proba que conta co apoio do Concello, cunha aposta decidida polo deporte.
A quinta edición, que contou coa participación de máis de 400 persoas, 100 das cales foron de nacionalidade portuguesa, contou ademáis coa presenza de importantes atletas participantes no Campionato Galego de Trial e mesmo na Copa do Mundo de Trial.
Os participantes das probas saíron dende a Alameda da Guarda, sendo a saída da Andaina ás 9:30 horas; a do Trial «Castros Celtas 18k» ás 10:00 horas, e a do«Mergelina 12k» ás 10:30 horas
O «Trail do Trega» posúe uns espectaculares atractivos
A proba «Mergelina 10k» fai referencia ao poboado castrexo de Mergelina, que se ven de por en valor recentemente coas obras de consolidación deste xacemento arqueolóxico. Nesta modalidade os deportistas tiveron unha proba máis enfocada a noveis, cun percorrido de 12 quilómetros, ideal para iniciarse no mundo do Trail e que contou coa participación dun total de 116 participantes, resultando gañadores Josué Moreno Lira, en homes, e Natalia Leal Ferradas, en féminas.
Os participantes do Vº «Trail do Trega» puderon comprobar á inigualable beleza do xacemento arqueóloxico do Monte Santa Trega (A Guarda)
A proba «Castros Celtas 18k» tivo un percorrido cun total de 18 quilómetros no que os atletas participantes tiveron que avanzar por un itinerario moito máis técnico para deportistas máis experimentados e con zonas máis complicadas, contando coa participación dun total de 166 persoas, resultando gañadores Emilio Montilla Fernández, na categoría masculina e María Ferreiro Pérez, na categoría feminina.
Podios dos tres primeiros clasificados (féminas e varons) das probas «Mergelina 10k» e «Castros Celtas 18k»
A maiores realizouse unha andaina non competitiva de 12 quilómetros de distancia cun percorrido de dificultade fácil e para todos os públicos e que congregou a máis dunha trintena de persoas.
Esta proba estivo organizada por Qualité Sport en colaboración co Concello de A Guarda, e as Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común das parroquias de A Guarda e de Camposancos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario