6 de nov. de 2018

BAIONA

O Goberno de Carmela Silva aprobará o venres máis de 600.000 € para Baiona 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra dará luz verde a este importante investimento do Plan Concellos para financiar o esperado proxecto de reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís

Infogauda / Baiona

 O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento dunha das obras máis demandadas no concello de Baiona. Trátase do proxecto de reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís, edificio que ten un importante interese arquitectónico e forma parte, xunto a un inmoble anexo polo sur, dun conxunto construído a mediados do século XX.  

 A importante actuación ten un importe total de 629.200 euros e financiarase con 325.524 euros a cargo dos fondos da Liña 1 do Plan de 2018, e outros 303.675 euros con cargo á Liña 1 do Plan 2019 que o goberno da Deputación adiantou este ano aos concellos.  

 Con esta obra que vai levar a cabo o concello de Baiona co financiamento da institución provincial reformarase o edificio para dotalo de nova vida co fin de recuperar o interese como punto de encontro para a sociedade e convertelo nun espazo comercial e social. Con este proxecto proponse crear unha praza urbana cuberta dotando ao espazo dun uso complementario ao comercial, substituíndo a venta de alimentos frescos por outros pequenos comercios con produtos locais e outras actividades de carácter social e de restauración. Coa reforma proxectada, entre outras actuacións, recuperarase a estética exterior do edificio orixinal, eliminando os engadidos recentes e abrindo grandes ocos e vidros en planta baixa que permitirán e potenciarán a conexión entre o interior e o exterior.  

 Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Baiona máis dun millón e medio de euros, 1.582.966, o que supón un 76,71 % máis que no exercicio anterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario