30 de out. de 2018

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INCORPORA TRES NOVOS CAMIÓNS MULTIFUNCIÓN ÁS BRIGADAS DE CONSERVACIÓN DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAL  

· O deputado Uxío Benítez presentou hoxe o vehículo que dende mañá comezará a traballar na zona de Lalín e anunciou a contratación de dous máis para os parques de Ponteareas e A Estrada 


O deputado Uxío Benítez - a dereita da imaxe - presentou hoxe no parque de maquinaria de Pontevedra o vehículo que se trasladará ao parque de Lalín para dar servizo á zona
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai incorporar en breve tres novos camións multifunción para as brigadas de conservación da rede de estradas provincial. O deputado Uxío Benítez Fernández presentou hoxe no parque de maquinaria de Pontevedra o vehículo que se trasladará ao parque de Lalín para dar servizo á zona. Tamén anunciou que na Xunta de Goberno do vindeiro luns se aprobará a contratación doutros dous camións das mesmas características para os parques de Ponteareas e de A Estrada.   

 “Acabamos de recibir un novo equipamento para o servizo de Mobilidade, un camión de cabina dobre, caixa basculante e grúa articulada que tivo un importe de 77.000 euros. Esta adquisición é unha aposta do novo goberno para fomentar unha maior calidade no traballo das equipas das brigadas de conservación das estradas. A nosa aposta é dotar de medios aos nosos traballadores para que poidan atender as súas funcións coa mellor calidade posible”, explicou Benítez.   

 Segundo sinalou o nacionalista, os vehículos que cumprían coa función das novas incorporacións ata o de agora tiñan moitos anos de traballo, polo que se tomou a decisión de renovalos para prestar un servizo máis funcional e eficiente na conservación, emerxencias e vialidade que fan as brigadas diariamente nas estradas provinciais.  

 As brigadas da zona Sur son as que atenden a maior extensión do territorio da provincia (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos). Fano dende as bases de Gondomar e Ponteareas.  

 A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, atende aos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Finalmente, a zona centro da provincia (formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova) é atendida polas brigadas con base no parque de maquinaria de Pontevedra.   

 Os medios e maquinaria a disposición das brigadas son motoniveladoras, palas de cadeas, retroexcavadoras, rodillos, tractores agrícolas, extendedoras, compactadoras e barredoras, biotrituradoras, camións con volquete, camións cisterna, vehículos de bacheo, regadores, góndolas e limpapraias, ademais doutros elementos menores como rozadoras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario