A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APOIA A INICIATIVA CIDADÁ PROMOVIDA PARA DEFENDER O VERDADEIRO SIGNIFICADO DA ‘DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE’ DE CASTELAO
· O ilustrador Kiko Dasilva promove unha homenaxe ao autor rianxeiro este venres ás 12:30 horas no Museo como protesta pola manipulación realizada por Núñez Feijóo
"A derradeira leición do mestre"
Autor: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Data: 1945
Soporte/técnica: Óleo/tea
Dimensions: 200x136
Infogauda / Pontevedra
O goberno da Deputación de Pontevedra súmase á a iniciativa cidadá promovida polo ilustrador Kiko Dasilva en defensa do verdadeiro significado da obra ‘A derradeira lección do mestre’ de Castelao. A presidenta Carmela Silva e o deputado de Cultura Xosé Leal, ademais doutros representantes provinciais, asistirán ao acto que terá lugar este venres día 5 de outubro ás 12:30 horas na sala Castelao do Museo de Pontevedra como protesta pola manipulación e censura realizada sobre o cadro por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Este evento, que se difundiu nas redes sociais na mañá de hoxe baixo o título ‘A derradeira lección do mestre. Que non volten matar a Bóveda!’, xurdiu de forma “espontánea e libre” por parte do debuxante Kiko Dasilva, e coincidirá coa inauguración oficial da mostra sobre Castelao que se exhibe na Cidade da Cultura de Santiago.
Dasilva colgou nas redes sociais unha convocatoria clara á que rapidamente respostaron centos de cidadáns e cidadás: “Eu non irei o venres á inauguración. Non quero escoitar máis sandeces por parte destes impresentables. Eu o venres 5 as 12,30 estarei na sala Castelao do Museo de Pontevedra onde gardan o debuxo preliminar ao cadro, para renderlle unha homenaxe sincera a Castelao, a Bóveda e ao verdadeiro significado da súa obra. É un homenaxe espontáneo e libre, podedes vir todos/as que queirades. Non ao esquecemento! Que non manipulen a historia! https://www.facebook.com/events/330984377465549/”, expuxo.
Segundo o ilustrador pontevedrés, o acto servirá para defender o significado sentimental e político da peza, ademais de reivindicar “a propia execución da obra”, xa que Castelao non a puido facer na Galiza “polo que Feijóo negou onte: que estaba exiliado, porque se estivese aquí mataríano”, apuntou. Durante a homenaxe Dasilva realizará ‘en directo’ unha versión da estampa orixinal de ‘A derradeira lección do mestre’ e entregaralla á familia Bóveda.
Dende o goberno provincial decidiuse estar presente neste acto en lugar de ter representación oficial na inauguración de Santiago. A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que co cadro de Castelao “estamos a falar dunha homenaxe á memoria histórica porque reflicte a imaxe viva dos e das que sufriron a represión e foron asasinadas e asasinados por defender a educación e a república”. Carmela Silva manifestou sentirse “avergoñada ante un presidente da Xunta que pretende negar o que ocorreu e, para elo, utilizar un cadro que pertence á memoria da xente, nun vano intento agochar a persecución e a represión do que era máis valioso daquela República, que eran as mestras e os mestres”.
O deputado de Cultura Xosé Leal, pola súa banda, quixo apuntar que o cadro de Castelao retrata non só un mestre calquera, senón “o asasinato de Alexandre Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo por parte do fascismo”, así como tamén a uns nenos “que simbolizan o futuro e a esperanza dunha Galiza libre e digna pola que traballaron tanto Bóveda como Castelao”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario