A MÚSICA TOMARÁ ESTE VENRES AS RÚAS DA GUARDA COA VISITA DO CORO KALEETAN KANTUZ DE EIBAR
• O conxunto musical, dirixido por Iria Muñoz de Santiago, percorrerá distintos espazos da vila este venres, 26 de xuño, a partir das 19:00 horas, partindo dende a praza do Reló
Infogauda/A Guarda
A Guarda recibirá este venres, 26 de xuño, unha visita moi especial coa chegada do coro Kaleetan Kantuz, procedente de Eibar (Gipuzkoa), que ofrecerá un singular percorrido musical polas rúas da vila a partir das 19:00 horas.
Baixo a dirección de Iria Muñoz de Santiago, a agrupación partirá da praza do Reló para continuar o seu itinerario por distintos puntos emblemáticos do casco urbano, enchendo de música e ambiente festivo as rúas guardesas ata rematar o seu percorrido na zona portuaria.
Kaleetan Kantuz, que en galego significa “Cantando nas rúas”, naceu en 2005 como resultado dun proxecto social impulsado por Ikasten, Escola da Experiencia, unha iniciativa que promove actividades gratuítas para persoas maiores de 55 anos. O seu principal obxectivo é recuperar a tradición eibarresa de cantar nas rúas e nos bares, unha práctica coñecida no País Vasco como txikiteo e que en Galicia atopamos nos tradicionais cantos de taberna.
A agrupación está integrada por arredor de corenta persoas e conta cun amplo repertorio composto maioritariamente por cancións en euskera e castelán, ao que nos últimos anos incorporaron tamén pezas galegas e portuguesas. O seu carácter aberto e participativo converte cada actuación nun encontro entre culturas a través da música popular.
Ao longo da súa traxectoria, Kaleetan Kantuz levou as súas voces a numerosos escenarios e cidades de todo o mundo, con actuacións en lugares como Istambul, Nova York, a Patagonia arxentina ou Alemaña, ademais de importantes espazos do ámbito estatal como o Teatro Barakaldo ou o Coliseo de Eibar.
Dende outubro de 2024 a dirección musical da agrupación corre a cargo de Iria Muñoz de Santiago, estudante do Grao de Pedagoxía en Musikene, o Conservatorio Superior de Música de Euskal Herria, e directora tamén do coro do Fogar do Xubilado Beheko Tokia.
O Concello da Guarda anima á veciñanza e ás persoas visitantes a acompañar a Kaleetan Kantuz neste percorrido musical, unha oportunidade única para gozar da música coral ao aire libre e descubrir unha tradición popular que conecta o País Vasco e Galicia a través da súa maneira de entender a música como celebración e encontro.
Ademais da súa actuación na Guarda, a formación musical realizará o sábado 27 un pasarrúas similar en Tui. Arrancarán na praza da Inmaculada e rematarán na catedral de Santa María de Tui, enchendo de música os rueiros e deleitando á veciñanza e visitantes, levando a súa cultura por bandeira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario