29 de out. de 2018

OIA

TURISMO

Oia estrea sinalización turística da contorna do Mosteiro e o barrio histórico  

· O Concello inviste máis de 28.000 euros nas distintas actuacións de revalorización do patrimonio  

· Destaca a implantación dunha plataforma turística con tecnoloxías QR e NFC  

A dereira da imaxe, un operario colocando o tótem de benvida ao mosteiro
Fotos: C. O.

Infogauda / Oia

 O municipio pontevedrés de Oia vén de estrear a sinalización turística da contorna do Mosteiro de Santa María de Oia e o barrio histórico do Arrabal. Esta nova sinalización é froito dun conxunto de actuacións que contou cun investimento total de 28.070,08 euros por parte do Concello.  

Mesa interpretativa na Praza da Centinela

 As actuacións desenvolvidas inclúen a instalación de 9 placas informativas en distintos puntos do Arrabal, dun tótem de benvida ao mosteiro e dunha mesa interpretativa na Praza da Centinela; así como a implantación dunha plataforma que permite acceder a contidos turísticos en liña a través de tecnoloxías QR e NFC.  

 Deste xeito o Concello de Oia dota de sinalización uns enclaves de especial interese patrimonial e turístico, como son o conxunto monacal e o barrio histórico do Arrabal, por onde transcorre un tramo do Camiño Portugués pola Costa. 

Plataforma turística  

 Dentro do conxunto de actuacións levadas a cabo figura a sinalización turística do Arrabal a través de 9 placas informativas e a implantación da plataforma iBeaken turismodeoia.mobi. Este sistema emprega tecnoloxías QR e NFC para ofrecer contidos dixitais adicionais, ao mesmo tempo que permite acceder a audioguías en varios idiomas e facer un seguimento autónomo mediante tecnoloxía GPS. 

 Estes traballos supuxeron unha inversión total de 14.421,20 euros, que o Concello de Oia financia a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia para a mellora de infraestruturas turísticas (9.373,78 euros) e de préstamos sen xuros da Deputación de Pontevedra (5.047,42 euros).  

Outras actuacións  

 As actuacións en materia de sinalización tamén incluíron a colocación dun tótem de aceiro galvanizado á entrada do conxunto monacal e dunha mesa interpretativa de 5 metros de lonxitude na Praza da Centinela; dúas estruturas que estiveron xa operativas no verán. O tótem mostra textos sobre o cenobio, mentres que a mesa destaca os principais atractivos patrimoniais e turísticos de cada parroquia de Oia a través de ilustracións.  Estes traballos supuxeron un investimento de 6.360,97 euros, financiados a través dunha subvención para a rehabilitación do patrimonio histórico e cultural concedida pola Deputación de Pontevedra (Cultura e Lingua). A maiores, o Concello aportou un total de 7.287,91 euros para a construción das bases de suxeición das dúas estruturas.  

Revalorizar o patrimonio e dinamizar o turismo  

 O conxunto de actuacións desenvolvidas na contorna do Mosteiro e o Arrabal inclúense dentro de medidas previstas polo Concello de Oia co obxectivo de revalorizar o patrimonio cultural en todo o municipio e dinamizar o turismo.   

 Á hora de desenvolver as actuacións de sinalización tamén se contou coa colaboración de Fernando Javier Costas Goberna e Manuel Ángel Pombal Diego, veciños aos que o Concello de Oia quere trasladar o seu agradecemento. Ambos os dous forman parte da Asociación Costa dos Castros e doutros colectivos da zona. Concretamente, Costas Goberna é membro da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia (Acamo) e Manuel Ángel Pombal, da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (Anabam).   

Ningún comentario:

Publicar un comentario