5 de set. de 2018

OIA

COLAPSO NO SANEAMENTO A ALTURA DO MOSTEIRO DE OIA

· No Camiño Portugués pola Costa


Mosaico de imaxes que acreditan que a rede de saneamento do Concello de Oia non funciona correctamente 
Fotos: Movemento Oia

 Movemento Oia / Oia

 Movemento Oia, denuncia o lamentable estado en que se atopa o saneamento en Oia, a pesar de realizarse hai apenas 8 anos, a finais do ano 2010 cando entrou en funcionamento. Investiuse mais de 1 millón de euros, nunha rede de saneamento que non funciona correctamente xunto cunha serie de supostas ou falsas depuradoras que nunca estiveron en normal funcionamento, e que lle xera uns gastos moi importantes ao Concello, que lle privan de dedicar ese diñeiro a outros asuntos de maior interese.  

 Xa cando se estaba facendo a obra, se dicía que fronte ao mosteiro, o bombeo daría problemas porque non hai pendente, e efectivamente enfronte do Mosteiro, o porto e a praia, atáscase asiduamente o colector provocando unha imaxe lamentable. O Concello recepcionou e asumiu unha obra que non está ben feita, e onde entre outras cousas o diámetro dos colectores non se corresponde co previsto no proxecto.  

 Dado que a rede de saneamento discorre neste caso polo camiño de Santiago portugués da costa á altura dun Monumento BIC, cremos que é necesario que se tomen medidas para evitar que continuamente se atasque nese punto negro. Coñecemos cales son os problemas técnicos, que ocasionan que un día si, e outro tamén os operarios do concello teñan que ir coa motobomba para desatascar o colector e limpar o lugar.  

 Obviamente pode ser o problema dos bombeos na zona, o diámetro do colector ou o depósito previo á estación de bombeo que tamén desborda cara ao porto cando falla a estación.  

 É necesario reclamar as responsabilidades de quen fixo a obra no seu momento con fondos europeos, por que os veciños e Movemento Oia reclaman unha solución urxente, pois desatascar continuamente os bombeos pódelle saír máis caro ao concello que arranxalo dunha vez para que non volte a ocorrer.  

 Non só o Mosteiro está que cae, a imaxe que dá o Concello neste punto é penosa para os turistas e os peregrinos que viaxan por este tramo do camiño. De nada serve gastarse unha chea de cartos en paneis e monolitos informativos sen solucionar os problemas da veciñanza.  

 Para mais inri no medio do camiño de Santiago portugués da Costa. Ruta que debemos defender e coidar. 

 Aproveitamos a ocasión para lembrar que a instancia de Movemento Oia, o pleno acordou por unanimidadeque o Concello solicite a declaración de conxunto histórico artístico vila mariñeira, presentada a través do concelleiro do grupo mixto Xoán Lois Vila. 

 Solicitamos á alcaldesa que cumpra coa decisión tomada polo pleno e apoiada por todos os partidos políticos e que curse canto antes a correspondente solicitude ou encargue os estudos ou informes necesario para que a instancia sexa aprobada pola Xunta. Isto permitirá acceder a subvencións que permitan poñer en valor toda a contorna entre outras cousas solucionar este problema en concreto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario