A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA A CONTRATACIÓN DA REDACCIÓN DO ANTEPROXECTO DA NOVA PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA
· As tres empresas finalistas do concurso de ideas terán dous meses para ampliar e detallar as súas propostas iniciais, segundo explicou Uxío Benítez
· A proposta mellor valorada no procedemento de negociado será a adxudicataria da redacción do anteproxecto
Emprazamento da futura ponte peonil
Fotos: D. PO.
Infogauda / Goián (Tomiño)
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno a contratación da redacción do anteproxecto da nova ponte peonil que unirá os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira. A licitación consiste nun procedemento negociado entre a institución provincial e as tres empresas que resultaron finalistas no concurso internacional de ideas, lanzado a mediados do pasado ano, e dividirase en dúas fases, cun orzamento total de 176.330 euros, segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez Fernández.
Así, os tres proxectos finalistas terán agora un prazo de dous meses, dende a súa notificación, para ampliar e desenvolver con máis detalle as súas propostas iniciais. Unha vez transcorridos estes 60 días, os servizos técnicos da Deputación iniciarán un procedemento de negociado, no que se analizará a viabilidade de cada unha delas, e durante o cal a institución poderá solicitar modificacións ou melloras, tras o que, finalmente, se seleccionará a proposta gañadora.
A partir de aí, a empresa adxudicataria disporá dun prazo máximo de 4 meses para a redacción do anteproxecto, polo que a duración total desta primeira fase prolongarase ata o primeiro trimestre de 2019.
Nunha segunda fase, cunha duración estimada de 18 meses, a empresa deberá redactar o proxecto construtivo da obra, que incluirá as actuacións previas e demolicións que sexan necesarias acometer, os cálculos específicos das estruturas, a definición concreta dos acabados, o estudo de seguridade e saúde, xestión de residuos, plan de control de calidade, cronograma e traballos complementarios.
Paneis das propostas finalistas
Dun total de 24 propostas presentadas ao concurso internacional de ideas, as tres mellor valoradas polo xurado, e que agora participan neste proceso de negociado, foron: ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles; e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.
O deseño da construción da futura ponte entre Tomiño e Cerveira enmárcase dentro da acción “Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza”, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal. A ponte permitirá, ademais da circulación de peóns e bicicletas entre a dúas marxes do río, a creación do primeiro parque transfronteirizo de ocio de Europa, así como unir as rutas e sendeiros que percorren as dúas beiras do río Miño nun único anel verde de percursos fluviais.
VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario