O Concello iniciará as obras de urbanización da Subida a San Amaro
· O vindeiro luns día 10 de setembro
Vista parcial da Subida a San Amaro, en Camposancos
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O vindeiro luns día 10 de setembro iniciaranse as obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos. A execución destas obras realizarase, na medida do posible, en convivencia co uso desta rúa por parte dos veciños, ao tratarse dunha vía moi transitada. Así o veñen de afirmar desde o executivo municipal do Concello de A Guarda.
Esta rúa que conecta a estrada de Circunvalación ao seu paso por Camposancos coa Igrexa da Visitación, contará - segundo as referidas fontes municipais - con dobre sentido de circulación, delimitación dos espazos peonís, zonas de aparcamento, xardíns e a previsión para instalación dos contedores de residuos. O proxecto contempla a renovación da rede de abastecemento de augas, así coma a dotación de bocas de incendios e substitución da rede de saneamento, separando as augas pluviais e fecais.
A rúa contará cunhas beirarrúas de enlousado de granito, unha pavimentación de lastros de granito rexuntados con morteiro e unha lousa de granito central con acabado abuxardado.
Estímase que o prazo de execución das obras, que contan cun orzamento total de 160.216,68 € IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, non se demore máis de 60 días dende o inicio das obras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario