10 de set. de 2018

A GUARDA

ARRANCAN AS OBRAS DE REFORMA INTEGRAL DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL 

· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que nas primeiras semanas renovaranse o saneamento, abastecemento e pluviais na praza Avelino Vicente  

Infografía de como quedará a rúa Concepción Arenal unha vez rematadas ás obras de reforma integral
Fonte: D. PO.

Infogauda / A Guarda

 As obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal en A Guarda xa están en marcha. Persoal da empresa ‘Obras, Reformas e Saneamentos S.L.’ está xa a traballar no proxecto de ‘Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na EP-3401 de acceso ao porto’ que está a desenvolver o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra. Segundo explica o deputado Uxío Benítez Fernández, as obras durarán uns oito meses e nestas primeiras semanas centraranse na renovación do saneamento, o abastecemento e nas canalizacións de pluviais na praza Avelino Vicente.  

Infografía de como quedará a Praza de Avelino Vicente González cando rematen ás obras
Fonte: D. PO.


 No día de hoxe asinouse formalmente a acta de replantexamento do proxecto, para logo iniciar os traballos directamente na rúa, co marcado das canalizacións e a instalación da sinalización vertical e horizontal de obra. Nos vindeiros días comezarase a ver maquinaria pesada, xa levantando o firme da praza Avelino Vicente González, coa idea de que quede cos servizos instalados, totalmente pavimentada e cos bolardos colocados dentro duns dous meses.   

 A segunda fase de traballo será o treito central da rúa (onde xa non se instalarán novos servizos, xa que os actuais están en bo estado) para posteriormente executar nunha terceira fase a nova praza diante do exconvento de San Bieito. A intención - segundo dixo Benítez -, é ir realizando todas as actuacións mantendo sempre desvíos abertos para que o tráfico poida acceder ao porto, aproveitando as diferentes interseccións coas rúas paralelas.   

 Quedará para o último mes a colocación de todo o mobiliario urbano (bancos, papeleiras, pérgolas, bancos corridos de cemento), e tamén a plantación de árbores e acondicionamento das zonas verdes. Hai que lembrar que as obras na rúa Concepción Arenal reformarán 8.527,85 metros cadrados de espazo público nunha lonxitude de 670 metros

 A mellora integral da rúa Concepción Arenal, cuxa titularidade pasará da Deputación ao Concello unha vez rematada a obra, busca recuperar o espazo público da rúa para veciñas e veciños deixando claro que a circulación peonil é a principal na estrada, pero fomentando tamén a convivencia co tránsito rodado. Segundo lembra o deputado Uxío Benítez, a nova rúa promoverá os tránsitos peonís cara ao Porto creando un espazo de grande calidade urbana que será exemplo de como a Deputación está a implantar na provincia un novo modelo de Mobilidade. Xa aconteceu en Sanxenxo coa reforma de Luis Rocafort: a nosa prioridade son as persoas e o resultado está á vista, con parabéns da veciñanza e dos turistas”, destacou o nacionalista.  

ACCESO AO PORTO POLA ZONA SUR

 O deputado de Mobilidade volveu destacar que a nova rúa acadará o máximo aproveitamento por parte da cidadanía cando se desenvolva o novo acceso ao Porto pola zona sur -que a Xunta debe tramitar como proxecto sectorial- e que permitirían retirar o tráfico pesado do centro da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario