O Goberno da Deputación de Pontevedra adxudica por preto de 300.000 euros o contrato para a posta en marcha da exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos"
Carmela Silva: "Imos a levar dous mil anos de historia da provincia aos mellores museos do estado español. É unha mostra impresionante que dará moito que falar"
Carmela Sila Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer un avance do proxecto da exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos".
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe a adxudicación, por valor de 297.789,95 euros, á empresa PROA SUR SL do contrato para a prestación do servizo de produción e itinerancia da exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos". A mostra, que se desenvolverá ao longo de tres anos, e que ten prevista a súa inauguración en outubro, levará o patrimonio arqueolóxico da provincia de Pontevedra ata o Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid, ao Museo da Prehistoria de Valencia, ao Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya en Barcelona e ao Museo de Pontevedra. "Imos levar dous mil anos de historia da provincia aos mellores museos do estado español. Trátase dunha exposición impresionante que será unha referencia nacional durante tres anos e que dará moito que falar", dixo Silva.
Segundo informou a presidenta provincial, unha vez formalizado o contrato para a posta en marcha de "Galaicos, un pobo entre dous mundos", PROA SUR SL terá un prazo de 63 días para a produción da mostra e entrega de documentación. Trala finalización desta primeira fase, a empresa contará con 28 días para a execución da primeira itinerancia, prevista para Madrid.
"Galaicos, un pobo entre dous mundos" levará aos principais museos de arqueoloxía do Estado unha representación da cultura galaica desde a Idade de Bronce ata a Antigüidade tardía. Deste xeito, a mostra, enmarcada no programa integral para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia, permite dar a coñecer a riqueza patrimonial, arqueolóxica e cultural da provincia, mostrando os cambios e as continuidades que se producen durante un período de máis de 2.000 anos de historia. Amais, a exposición ofrece as claves de interpretación dos xacementos escavados nos últimos anos, os trazos básicos da prehistoria e a oferta de turismo cultural e arqueolóxico que presenta a provincia de Pontevedra.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o carácter científico "pero tamén turístico do proxecto, para comprender a dinámica socioeconómica da provincia na antigüidade e a súa divulgación en foros e centros universitarios; a vertente turística do mesmo, xa que permite ampliar a oferta, desestacionalizar a demanda e captar novos turistas potenciais e revalorizar o turismo de calidade; e, finalmente, o seu carácter socioeconómico, xa que estamos a recuperar os espazos patrimoniais como espazos sociais, creando postos de traballo relacionados co turismo e a cultura".
"Galaicos, un pobo entre dous mundos" contará con entre 60 e 70 pezas e recursos de carácter didáctico e audiovisuais. Ademais de visitar Madrid este ano, está previsto que entre o 2019 e o 2020 teña presenza no Museo de Prehistoria de Valencia, ao Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e ao Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a Deputación de Pontevedra manterá a mostra entre 4 e 6 meses.
Máis polo miúdo, a exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos" contará con sete eixos temáticos. Deste xeito, a mostra comezará con "Un pobo entre dous mundos" e continuará con "Campesiños e guerreiros", onde se recollerá o final da Idade de Bronce centrándose no xacemento do Castro da Cabeciña, en Oia. O terceiro eixo titulado "Poboados fortificados" amosará a vida nos comezos da Idade de Ferro, dando a coñecer o Castro de Penalba.
A mostra continuará con "O Atlántico ábrese ao Mediterráneo" no que se dará a coñecer a etapa final da Idade de Ferro, centrándose nos xacementos de Castrolandín, Alobre, Monte Santa Trega (A Guarda), Monte do Castro, A Lanzada. O seguinte eixo temático será "Na esfera de Roma: Gallaecia" na que se dará a coñecer a nova articulación do territorio a través dos castros de Adro Bello, Bueu, das Salinas de Vigo ou da Illa de Toralla.
O sexto tema da mostra "Galaicos, un pobo entre dous mundos" será "A provincia de Gallaecia. Finais do século IV" con imaxes dos xacementos arqueolóxicos de Porta de Arcos, A Lanzada, Adro Vello e Monte do Facho. Xa para rematar, a mostra recollerá baixo o lema "Unha paisaxe chea de historia", imaxes que permitirán ás persoas visitantes coñecer os xacementos e valorar a importancia da paisaxe arqueolóxica da provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario