Toponimia e teatro na VI Semana Cultural de Peitieiros
Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros / Peitieiros (Gondomar)
O Centro Cultural de Peitieiros continúa coa VI Semana Cultural coa que abre o XXV Festival Folclórico Internacional, que decorrerá o sábado 25 de agosto, ás 19:30 horas.
Para este mércores e xoves están previstas unha xeira sobre toponimia, teatro e a inauguración da exposición “30 anos de ghaitada”.
O mércores 22: realizarase unha xeira coorganizada co Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, sobre a toponimia do monte de Peitieiros: Polos cumes de Peitieiros. A paisaxe nomeada, guiada por Xosé Lois Vilar, arqueologo e especialista en toponimia, autor, entre outros, dos libros: Talasonimia da costa sur de Galicia e Os nomes do mar de Baiona e Panxón. Con esta xeira, darase a coñecer unha parte do traballo de recollida de topnimia realizada polo IEM na parroquia de Peitieiros. O punto de encontro é ás 19 horas no alto de San Antoniño.
O xoves 23 ás 21:00 h. será inaugurada a exposición “30 anos de ghaitada”, elaborada polo grupo de música tradicional Xistra de Coruxo e coa que celebra a súa traxectoria que xa chega aos 30 anos.
Ás 22:00 horas a compañía Trasluz teatro poñerá en escena ao aire libre a obra Piollosos, interpretada por Pablo Carrera e Aldán Dacosta, veciño de Peitieiros. Esta peza está dirixida por Nando Llera. Piollosos, “un espectáculo que traspasa paredes para transmitir unha mensaxe de amor polo teatro”, percorreu Galiza con máis de vinte representacións.
A VI Semana cultural remata o venres 23 cos Cantos de Taberna que serán a antesala do XXV Festival Folclórico que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello de Gondomar, do IEM, de Xistra e da Comunidade de Montes de Peitieiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario