2 de ago. de 2018

A GUARDA

A AGRUPACIÓN LOCAL DO PARTIDO SOCIALISTA DA GUARDA RESPALDA E APLAUDE O  EQUIPO DE GOBERNO POLA COMPRA DE FINOLA E ESIXE UNHA RECTIFICACIÓN AO BNG


 A Agrupación Socialista da Guarda, ante os insultos e difamacións que está a verter o BNG, quere trasladar á cidadanía as seguintes aclaracións respecto da compra de Fínola:

1.- No Pleno do 30/7/2018 o que se aprobou foi destinar 300.000€ do remanente de tesourería do concello da Guarda  á compra de Fínola. Cartos que é  posible destinar a esta finalidade  gracias a labor desenvolvida polo equipo de goberno nos últimos once anos que posibilitou pasar dun endebedamento con bancos de máis de 2 millóns de euros a endebedamento cero, e xerar un remanente de tesourería de 1.204.000€.

2.- Dende hai moitos anos a cidadanía guardesa tiña entre os seus anhelos  o conseguir a adquisición da finca de Fínola ou do antigo Campo de fútbol  ou de ámbalas dúas. Este ano 2018 deuse a posibilidade e a oportunidade de poder adquirir a primeira e despois de moito traballo e moitas horas que o equipo de goberno e concello adicaron á consulta, ao estudio e a analizar as posibilidades técnicas, legais e urbanísticas (informes que avalan  a valoración económica) chegouse á conclusión de que era posible adquirir a  propiedade de Fínola.

3.- E o momento de ir a adquisición da Finca de Fínola porque  o concello da Guarda ten cartos, ten posibilidades legais de facelo (se o concello non tivese estabilidade presupuestaria, ou tivese un endebedamento con bancos moi elevado como ocorre en moitos concellos, ou non estivese ao día no pagamento a provedores, etc., ainda tendo cartos non podería adicalos a Fínola) e porque a propiedade de Fínola está no SAREB, entidade público- privada. Se a propiedade de Fínola estivese noutras mans o prezo sería moi superior aos 300.000€. Por establecer unha comparativa,  o terreo da  antiga Casa dos Alonsos, onde se localiza o novo concello, custou  300.000€ e conta cunha superficie de 600m2.

 Precisamente por estar en mans do SAREB o prezo é admisible  para o concello da Guarda. Indicar que o anterior propietario pagou pola finca de Fínola no entorno dos 900.000€.

 4.- Cales van ser os beneficiarios da compra de Fínola?  O partido  Socialista o ten moi claro, van ser os veciños e veciñas da Guarda. Todos nos imos beneficiar por poder contar cun espazo por riba dos 3.000m2 non só como dotacional verde, que sería a cualificación no caso de desenvolverse o PERI,  senón  para outros usos dotacionais. Así ábrense infinitas posibilidades para poder situar nese espazo equipamentos dos que estamos escasos no centro da vila. Porque non, para un futuro auditorio?

5.- O desenvolvemento do PERI ao que se agarra o BNG é unha falacia, levamos esperando por este desenvolvemento 25 anos e  non nos enganemos teremos que, como mínimo, esperar outros 25 anos máis (entre outras razóns pola situación urbanística actual). Podemos permitirnos os guardeses outros 25 anos máis? Cremos que non, cremos con toda firmeza  que os nosos fillos e netos, e nós mesmos merecemos desfrutar dunha Alameda máis ampla en superficie e con novos equipamentos. O desenvolvemento do PERI posibilitaría zonas verdes (dentro de 25 anos) pero non novos espazos con usos dotacionais para equipamentos. O Partido Socialista é partidario dun urbanismo activo que posibilite a consecución dun entorno que quedaría configurado polo Centro Cultural, a Alameda e Fínola. Todos sabemos que a Alameda acolle diariamente a un volume moi importante de veciños e veciñas, será que o BNG non lle interesa que a Guarda medre en posibilidades de ocio, deporte  e cultura?

6.- O concello da Guarda é o competente para poder facer esta adquisición, a incompetencia lla deixamos a outros, a aqueles que votan non o desenvolvemento dos Xesuítas, os que votan non aos orzamentos municipais, aos que votan non a compra de Fínola.  Que intereses partidistas agocha o BNG  para votar en contra dos intereses dos guardeses? O partido  socialista  guardés xa sabe da incompetencia do BNG  en cuestións urbanísticas, o demostraron no pasado co seu voto en contra para os Xesuítas e co seu posicionamento  en contra da Senda Litoral e o están a demostrar agora co seu voto en contra  para a compra de Fínola.

 Temos unha oportunidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza, o Grupo Municipal Socialista non a  vai deixar pasar. Por certo, tódolos grupos municipais (PSOE, PP, BNG, Converxencia Galega e a concelleira non adscrita) no 2017 votaron a favor da adquisición da Finca de Fínola. Porque o BNG cambiou de opinión?  O BNG local deixa claro, unha vez máis, que non ten mentalidade de gobernar este pobo, prefire a comodidade da oposición onde o traballo danllo feito con propostas feitas en Santiago e que nada teñen que ver cos problemas e necesidades reais da Guarda. Están noutro mundo, VAN MAIS ALÁ.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario