7 de ago. de 2018

A GUARDA

O programa Aquí Galicia, da TVG chega este mércores á Guarda 

A presentadora, Lucía Rodríguez, estará no Auditorio San Bieito de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Este mércores día 8 de agosto o Auditorio de San Bieito de A Guarda converterase nun plató de televisión para acoller a emisión en directo do programa da TVG Aquí Galicia Tour. 

 Unha ventá aberta a Galicia, en continuo directo, coa participación activa do público, entrevistas curiosas, reportaxes, e actuacións musicais de todo tipo. Así é o “Aquí Galicia Tour”, o programa que todas as tardes, de 18:00 a 19:40 horas emite a Televisión de Galicia, dende o día 9 de xullo.   


 A presentadora, Lucía Rodríguez, conta coa colaboración de varios equipos de reporteiros que estarán espallados por distintos puntos da xeografía galega para non perder detalle de todo canto aconteza estes meses de verán, facendo este mércores unha parada na vila da Guarda.  

 Co fin de abranguer toda Galicia, os equipos de reporteiros, encabezados por Duarte Galbán, Tania Veiras e Pepe Capelán, estarán espallados por distintos puntos da xeografía para facerse eco de todo canto ocorra.

 Dende un set instalado no Auditorio de San Bieito a presentadora, Lucía Rodríguez, estará acompañada por veciños e asociacións de todo tipo, tales como comisións de festas, deportistas, expertos locais, cociñeiros, artesáns, etc.   

 Asemade, tamén son protagonistas do programa as agrupacións artísticas da zona, tales como grupos de baile, grupos de gaitas, pandereteiras, bandas de música, orquestras ou formacións musicais do máis diverso. Todos eles participan no programa ofrecendo o que mellor saben facer: a súa musica e o seu baile. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario