«Trieb»: A fotografía coma forma de expresión
A exposición se pode visitar ata o 18 de agosto nas instalacións do Centro Cultural da Guarda
A concelleira de Cultura, María Elena Baz Rodríguez co fotógrafo Jesús Rodríguez Ortíz, no acto de inauguración da mostra
Vista parcial das persoas que asistiron á inauguración da exposición
A Sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda acolleu este martes día 7 de agosto a inauguración da Exposición de fotografía «Trieb», da autoría de Jesús Rodríguez Ortíz. No acto de inauguración interviron a Concelleira de Cultura, Elena Baz e Jesús Rodríguez Ortíz, autor das fotografías, acompañados de preto de medio cento de asistentes, entre familiares e amigos.
Jesús Rodríguez Ortíz é un médico-pediatra descendente de familia guardesa nado en Bilbao e é un apaixonado da fotografía, participando en varios concursos, publicacións, libros e mesmo na Revista National Geographic, cunha fotografía do Museo Guggenheim de Bilbao.
Forma parte do CCC (Centro de Fotografía Contemporánea) de Bilbao, onde acadou un novo obxectivo na súa obra fotográfica, expresar a través das fotografías a sensación persoal de como se ven as cousas que nos rodean.
O título desta exposición «Trieb», ven dun impulso, dunha mirada, aquela mirada da despedida do seu pai antes de falecer.
María Elena Baz observa de preto o portaretratos feito polo avó do fotógrafo Jesús Rodríguez Ortíz
Nesta mostra fotográfica, cun total de 18 fotografías, 14 delas en tamaño 20x30, amósase a través de imaxes en branco e negro a súa maneira de expresar as cousas con lugares da vila da Guarda. Ademais, os visitantes que se acheguen a esta exposición, poderán desfrutar dun portaretratos moi especial, feito en madeira polo seu avó. Unha herdanza familiar.
A exposición se pode visitar ata o 18 de agosto nas instalacións do Centro Cultural da Guarda, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario