Rosa Mández / Santiago de Compostela
Xoves 5 de xullo de 2018, no Museo do Pobo Galego, preséntase a mostra BibliotequEROS.
O erotismo nas bibliotecas do Museo do Pobo Galego, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
A Biblioteca do Museo do Pobo Galego garda un interesante e multidisciplinar fondo bibliográfico e documental que, como en ocasións anteriores, queremos dar a coñecer a través de exposicións. Para esta edición decidimos ir a procura de Eros nas diferentes bibliotecas que conforman o noso fondo librario.
A exposición está concibida en dúas seccións, a primeira, unha breve introdución lúdica onde poderemos ollar por un burato, xogar con imaxes animadas ou facer un percorrido pola nosa cultura popular.
Na segunda parte, a exposición bibliográfica propiamente dita. Da man de autores como Safo, Bocaccio, Sade, Méndez Ferrín, Miller, e en fin unha numerosa representación deles, podemos aprezar a súa produción literaria en relación ao erotismo. Amais dos propios textos literarios, interesa destacar a coidada edición de moitas destas obras, algunhas delas ricamente ilustradas por Becat, Moré, Serafín ou Leiro. Están presentes editores como Kieffer ou Barbadillo, entre outros.
Complementando aos libros de ficción mostraranse tamén unha serie de obras que desde a historia, a antropoloxía, a socioloxía ou a arte nos amplían a visión sobre o tema.
AXENDA:
Do xoves 5 de xullo ao domingo 14 de outubro
Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30 domingos e festivos, 11:00-14:00
Ningún comentario:
Publicar un comentario