O PLAN REVITALIZA DE COMPOSTAXE CHEGA Á VECIÑANZA DE SABAXÁNS EN MONDARIZ
· Este xoves día 12 ás 20:00 horas haberá un novo reparto de composteiros individuais nas instalacións do Concello
· O domingo mestras e mestres composteiras repartirán o primeiro lote de compost producido no centro de compostaxe comunitaria instalado na vila
Infogauda / Mondariz
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra repartirá este xoves día 12 outro lote de composteiros individuais entre familias da parroquia de Sabaxáns en Mondariz. A entrega dos composteiros xunto co material complementario e a charla de formación para a veciñanza realizarase ás oito da tarde no local do Concello.
Con esta nova entrega de compostadores o Concello de Mondariz continúa co seu plan de aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo dentro do municipio coa intención de que toda a poboación composte os seus biorresiduos antes de que finalice o ano. Os composteiros repartiranse semanalmente ata chegar á cifra de 1.200, o que dará cobertura a toda a veciñanza, tendo en conta que tamén se instalarán novos centros de compostaxe comunitaria que darán servizo a zonas máis densas e a grandes produtores.
Como xa se dixo, o concello de Mondariz será un dos primeiros en todo o estado español que cumprirá a tempo a nova normativa de residuos, que obrigará a que no ano 2020 todo o lixo orgánico se composte ou se recolla de xeito separado. Este paso a un novo modelo de xestión de residuos será moi sinxelo e economicamente asequible para as arcas locais xa que a Deputación vén de aportar o 90% do custe. Hai que lembrar, así mesmo, que a día de hoxe o gasto do Concello na recollida e tratamento do lixo precisa unha considerable parte de todos os ingresos municipais.
A cidadanía convocada á reunión, como xa é habitual, recibirá un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Tamén recibirá información sobre o funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante.
Por outra banda, o vindeiro domingo, persoal técnico da Deputación de Pontevedra (mestras e mestres composteiros) instalarán unha carpa informativa sobre compostaxe e o Plan Revitaliza da Deputación na praza principal da vila. Alí todos os veciños e veciñas poderán recoller unha bolsa con parte do primeiro lote de compost producido ao compostar os biorresiduos no centro de compostaxe comunitaria da vila. Deste xeito, a cidadanía poderá comprobar as súas características e o seu funcionamento como fertilizante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario