IKFEM 2018
XOSÉ LEAL (DEPUTADO PROVINCIAL DE CULTURA): "FACER PROTAGONISTAS DO IKFEM 2018 ÁS MULLERES INTÉRPRETES E COMPOSITORAS ENGRANDECE AÍNDA MÁIS O FESTIVAL"
· O deputado de Cultura subliñou que o encontro consolídase como un “referente cultural internacional” de colaboración transfronteiriza
Najla Shami estivo na propia presentación do acto tocando a kalimba
Foto: P. M.
Infogauda / Eurocidade Tui - Valença do Minho
“Facer protagonistas do IKFEM 2018 ás mulleres intérpretes e compositoras engrandece aínda máis o festival”. Así o manifestou hoxe o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, na presentación da sexta edición doInternational Keyboard Festival &Masterclass (IKFEM) que se desenvolverá dende o 20 ao 24 de xullo baixo o lema ‘Women Sound’, co obxectivo de dar visibilidade e render unha homenaxe ás mulleres intérpretes e compositoras.
Leal subliñou que a cita está xa consolidada como un “referente cultural internacional” no ámbito da música, e subliñou que a Deputación de Pontevedra aposta decididamente polo seu futuro, xa que coa súa programación potencia varios dos eixos da política provincial: os nexos culturais comúns entre Galiza e Portugal, a colaboración transfronteiriza entre o Sur da provincia e o Norte lusoe, tamén nesta edición, o fomento da igualdade. Neste sentido, Leal destacou a importancia de que a sexta edición conte con figuras tan importantes como Andrea González, María Ana Bobone, Susana de Lorenzo, Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez, Andrea González, Cristina Pato, Rosa Torres Pardo, Rocío Márquez, Clara Muñiz, ou Najla Shami, que estivo na propia presentación do acto tocando a kalimba.
O deputado nacionalista explicou que o IKFEM 2018 será beneficiario dunha axuda económica dentro da liña de subvencións da Deputación do Ano da Lingua a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia, e lembrou que na pasada edición de 2017 recibira máis de 11.200 euros. O obxectivo destas axudas, segundo afirmou Xosé Leal, é colaborar nos certames que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música galega.
Os membros da organización do IKFEM, pola súa banda, aseguraron na presentación celebrada hoxe no Parador de Tui que no ‘IKFEM 2018: Women Sound’ a música dará voz ás artistas máis recoñecidas do panorama galego, español e portugués pero, ao mesmo tempo, aspírase a traspasar o ámbito musical para xerar un punto de encontro social que convide a unha profunda reflexión sobre a igualdade de xénero.
O International Keyboard Festival &Masterclass da Eurociudad Tui – Valença, é un evento que, segundo explicaron, pretende ofrecer dende o seu nacemento propostas culturais cun marcado carácter transfronteirizo partindo da música de instrumentos de teclado. “IKFEM é sobre todo música, pero tamén é unha cita coa formación e unha oportunidade para descubrir o rico patrimonio cultural que atesouran as dúas marxes do río Miño, entre o suroeste de Galicia e o norte de Portugal”, abarcando un amplo abanico de xéneros musicais (medieval, barroco, clásico, electrónico, jazz, lírico, pop, indie, rock, folclórico e sinfónico).
En cada edición, o festival reúne eventos musicais e formativos nos que se inclúen masterclasses, workshops, talleres infantís e concertos sempre centrados na familia dos instrumentos de teclado: piano, fortepiano, órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona, keytar, clavisimbalum, viola de teclas e teclado electrónico.
Cristina Pato, novidade nas másterclass
O apartado formativo é dos grandes eixos do IKFEM e conta cun formato pensado tanto para músicos profesionais e de iniciación cunha oferta de clases de piano clásico, órgano, clave, piano jazz, piano repertorista para canto e piano barroco. Como novidade deste ano programouse un encontro sobre emprendemento cultural a cargo de Cristina Pato, que falará sobre a súa maneira de entender o rol do artista na sociedade do século XXI a través dunha conferencia na que explorará os diferentes proxectos e iniciativas nos que traballa como artista independente, como asesora de educación para o Silkroad de Eu-Eu Ma ou como artista en residencia para universidades como Harvard.
Ata o de agora, nas másterclass das cinco edicións celebradas do festival participaron máis de 100 alumnos procedentes de nove países diferentes.
Hai que resaltar que o IKFEM’18 realizará este ano unha inauguración solidaria con Paramos e Guillarei no Paseo fluvial de Tui, onde a partir das 18.30 horas do venres día 20 se instalarán varias áreas de esparcemento (zona ioga, zona infantil, zona kaiak e zona foodtruck) para recabar fondos para as persoas afectadas pola explosión.
Nesta primeira xornada estarán presentes Najla Shami co seu traballo ‘Latitudes’ (a partir das 19.00 horas, Andrea González (20.30 h.), Julio Resende, Amalia, Fado ¬ Further (21.30 h) e Ghost Beast, co seu traballo Winter’shorn (23.00 h).
Pode consultarse a programación completa premendo eiquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario