A CIG pon en marcha unha campaña para denunciar a sobreexplotación de traballadores/as transfronteirizos/as en Galiza e Portugal
As empresas aproveitan a desregulación laboral para nutrirse de man de obra precaria ante a inacción da Xunta e da Inspección de Traballo (IT)
A central convoca manifestacións este mércores día 4 de xullo en Vigo (dende a Xunta até a IT ás 11:00h) e Ourense (dende a IT até a Xunta ás 11:30 h)
Infogauda / Vigo
A
CIG vén de poñer en marcha unha campaña de denuncia das condicións laborais de
sobreexplotación que padecen milleiros de traballadores/as transfronteirizos/as
en Galiza e Portugal, principalmente no sur das provincias de Pontevedra e
Ourense e nos sectores da construción, da automoción e no naval, aínda que
tamén nos servizos e na industria téxtil. As empresas aproveitan a falta de
regulación en materia laboral propiciada pola UE e a inacción da Xunta e da
Inspección de Traballo para nutrirse de man de obra precaria. Diante disto, a
central ten convocadas mobilizacións en Vigo e Ourense este mércores día 4.
Segundo
sinalan dende a CIG, estes/as operarios/as son vítimas do empobrecemento
xeneralizado e da sobreexplotación laboral que fomentan os Gobernos español e
galego mediante a aplicación das políticas impostas pola Unión Europea (UE) a
través da Troika, como as últimas reformas laborais. “A fronteira
aprovéitase para aumentar a sobreexplotación, por iso é máis necesario ca nunca
a defensa da clase traballadora de ambas as dúas beiras”, sosteñen.
Esta
campaña prodúcese no contexto do recente protocolo de colaboración subscrito
entre a CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, xa que a coordinación
entre organizacións sindicais de ambos os dous países é fundamental para evitar
que a desregulación en materia laboral favorecida pola Troika para
aumentar o lucro das grandes transnacionais afonde na sobreexplotación de
milleiros de traballadores/as.
As
prácticas que utilizan as empresas para maximizar os seus beneficios fomenta o dumping
social e agudiza o enfrontamento entre a clase traballadora dos distintos
países. “Para nós só hai unha clase traballadora e está a ser brutamente
explotada”, sinalan dende a CIG.
Isto
é posíbel porque os organismos fiscalizadores non cumpren co seu labor. “A
Inspección de Traballo e a Xunta, por exemplo, é sabedora desta situación pero
non actúa”. Diante disto, a CIG ten convocadas mobilizacións en Vigo e Ourense
este mércores día 4. No caso de Ourense a manifestación arrincará ás 11:30
horas dende a propia sede da Inspección de Traballo e rematará diante da Xunta.
En Vigo será ao revés, a marcha partirá da delegación da Xunta e rematará na
Inspección.
Principais
cuestións a denunciar
· A falta de
regulación laboral propiciada pola UE permite que as empresas boten man de
persoal en precario ante a inacción e a falta de control da Xunta de Galiza e
da Inspección de Traballo.
· Trátase dunha
práctica estendida en todos os sectores que provoca dumping social: competencia
desleal entre empresas baseada nos baixos salarios para reducir custes e
ofrecer prezos competitivos.
· O habitual é a
presenza en Galiza de traballadores/as portugueses/as con condicións laborais
do seu país, pero tamén hai galegos/as que traballan aquí baixo convenios
portugueses, que son un 50% máis baixos.
· As empresas
utilizan o traslado de traballadores/as dun lado a outro da fronteira para
evitar ter que converter en indefinido a persoal eventual con contratos de obra
e servizo.
· Cada vez é máis
común que compañías da automoción ou da limpeza abran delegacións en solo
portugués para contratar tanto persoal autóctono como galego en peores
condicións para logo traballar nos dous países.
· No sector da
construción, sobre todo nas grandes obras públicas, as condicións dos
operarios/as portugueses/as rozan a escravitude: xornadas de 12-14 horas de
luns a sábado e sen vacacións.
· Empresas que
xestionan residencias da terceira idade en Galiza tiran de persoal portugués
ante a dificultade de atopar empregados/as galegos/as que traballen nas
condicións precarias que marcan os convenios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario