PIRAGÜISMO
UNHA MEDALLA E MOITO NIVEL, NA PARTICIPACIÓN DOS TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM
Informa (fotografías e Redacción): Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense de La Seu D´Urgell o Campionato de España de Slálom Olímpico, última das competicións da Liga Española de Slálom, e que ademais era selectiva para formar parte da selección española júnior, sub-23 e sénior. Nesta ocasión a representación do Club Deportivo Miño, non foi moi numerosa, só seis deportistas, pero si de alto nivel.
Durante a mañá do sábado celebráronse as clasificatorias nun circuíto moi rápido e menos técnico, o que fixo que os resultados xerais da proba foran bos para todos, e, na tarde, aproveitando o mesmo circuíto, tiveron lugar as probas de patrullas ou slálom por equipos.
E a mañá do domingo foi o momento de semifinais e finais das diferentes categorías individuais nun circuíto cun trazado moi técnico e difícil, que deu lugar a máis de unha sorpresa.
Andrea González, a única representante galega da categoría máis numerosa e difícil, o K1 sénior feminino, fixo unha primeira baixada sen fallos pero algo lenta, que dado o elevadísimo nivel da proba non lle deu acceso a semifinais.
Ariadna Pereira, en K1 muller cadete, as máis novas da competición, fixo unha boa baixada no sábado, pasando a semifinais coa terceira posición, xa no domingo, ante un circuíto tan difícil, tivo varias penalizacións, que a deixaron sen medalla, pero nunha envexable cuarta posición.
Brais Castro, en C1 sénior home, baixou moi ben o sábado, rematando sexto e entrando directamente en semifinais, o domingo, logrou unha baixada, de novo limpa e sen penalizacións, pero cun tempo que o deixou fóra de finais, rematando oitavo do campionato. A suma de postos do sábado e do domingo, a falta de confirmación oficial, danlle a Brais a praza para os europeos sub-23, a celebrar en agosto en Bratislava.
Luís Fernández, tamén en C1 sénior, xogábase medalla e posto na selección absoluta, baténdose pola praza con Ander Elósegui, quedando moi igualados, e, por unha polémica decisión arbitral na que se lle saca unha penalización ao representante vasco, Luís queda fóra da selección absoluta, aínda que mantén o seu posto na sub-23 de canoa. En canto a campionato de España, Luís fixo unhas clasificatorias impresionantes, logrando o segundo mellor tempo, xa nas semifinais, volveu facer unha baixada rápida e perfecta que o levaron a finais co primeiro lugar. A súa baixada final, aínda que rápida, tivo catro toques en portas que lle supuxeron oito segundos de penalización, deixándoo no cuarto lugar, a menos dun segundo da medalla.
Emilio Rodríguez, na categoría veteranos, acadou a única medalla para o club da xornada. Tanto nas clasificatorias do sábado como nas finais do domingo, rematou segundo, por detrás do vasco Urko Zabaleta, o que lle valeu a medalla de prata da categoría.
Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén se xogaba praza nos equipos nacionais, e non tivo sorte, a pesar da súa boa actuación. Esta é a categoría máis numerosa e tamén a máis igualada, o que reviste de gran dificultade acadar praza na selección. Na mañá do sábado entrou en semifinais cunha oitava posición, xa no domingo logra paso a finais co sétimo mellor tempo, que o deixan a un tris de entrar no equipo sub-23 de cáiac, pero de novo, un erro arbitral, ao non penalizar a un dos competidores o deixan fóra. Xa nas finais, fai unha baixada rapidísima, pero na última porta unha lixeira perda de tempo e un toque déixano fóra de medalla no sétimo lugar.
Tamén participaron na modalidade de equipos ou patrullas na tarde no sábado. O equipo de C1 formado por Emilio, Luís e Brais rematou en octavo lugar e o de k1 formado tamén por Emilio e Brais ao que se uniu nesta ocasión Manu, rematou décimo segundo.
Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño rematou a XIII Liga Española de Slálom Olímpico en noveno lugar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario