Elsa Pena Vicente, de A Guarda, campioa de Galicia de triatlón individual e por equipos
O club Cidade de Lugo Fluvial, campión galego de Tríatlon de menores
Elsa Pena Vicente, no máis alto do podio, logo de proclamarse campioa de Galicia de Tríatlón individual
Informa (fotografías e Redacción): Alberto Pena Lomba
O domingo día 22 de xullo, en Ferrol, o club Cidade de Lugo Fluvial proclamouse campión galego de Tríatlon de Menores por clubs, trala suma das clasificacións nas diferentes categorías. O Cidade foi o campión con 854 puntos, mentres que segundo foi o Tríatlon Ferrol (688) e o bronce foi para Arcade Inforhouse (614).
Na categoría benxamín masculino gañou Álvaro Cobelas (Natación Pabellón Ourense), mentres que por clubs venceu o AD Fogar. Na proba feminina, a vencedora foi Noa Souto (Tríatlon Ferrol) co Cidade de Lugo Fluvial como mellor club.
Na categoría alevín, Damián Suárez (Natación Cedeira) foi o gañador da proba masculina, mentres que o seu club venceu na categoría de clubs. María Filgueiras (Tríatlon Ferrol) proclamouse campioa galega alevín, e o Tríatlon Ferrol gañou na categoría de clubs femininos.
Daniel Darriba (Cidade de Lugo Fluvial) e Victoria Ana Cons (Tríatlon Motobike Galaico Pontevedra) triunfaron na categoría infantil, co Arcade Inforhouse como mellor club, tanto en chicos como chicas.
Por último, na categoría cadete houbo polémica, ao descualificar os xuíces a Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) por non levar dorsal na bicicleta. Houbo reclamación do seu club, pero o regulamento era claro e non houbo opción. Na proba escapáronse dende a natación Esteban Basanta, Jorge González e Jorge Morado, e na carreira a pe, Esteban logrou deixalos atrás, pero finalmente foi descualificado e o triunfo foi para Jorge González (Natación Riveira).
Elsa Pena Vicente, de A Guarda, en plena carreira
Na proba feminina, triunfo de Elsa Pena Vicente (Cidade de Lugo Fluvial), que segue amosándose intratable na súa categoría, a pesar do magnífico rendemento de Natalia Castro, Nerea García, Carla Guisande ou Henar Diana Cons.
Na categoría de clubs, triunfos do Tríatlon Ferrol (masculino) e Cidade de Lugo Fluvial (feminino).
O Campionato Galego de Tríatlon de Categorías Menores celebrouse en Ferrol coa participación de máis de 300 deportistas (48 benxamíns, 102 alevíns, 68 infantís e 88 cadetes) de máis de 20 clubs galegos. Todas as saídas foron conxuntas, menos a alevín polo número de participantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario