11 de xul. de 2018

A GUARDA

A Guarda congrega nesta fin de semana numerosas actividades para todos os públicos



Infogauda / A Guarda

 A Guarda vive unha fin de semana máis cunha intensa actividade deportiva e cultural con actividades que se desenvolverán en diferentes espazos do municipio e para todos os públicos.

 Dende o venres 13 e ata o luns 16, a Guarda conta cunha programación na que se inclúen exposicións, un campionato de balonmán-praia, unha presentación dun libro, as Festas do Carmen, o festival Rock Guardés, entre outras.

Programación:

Venres 13



 Dende o venres 13 de xullo A Guarda acolle o Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda, que se celebra nas instalacións do Codesal en Camposancos, e que congregará a máis de 650 participantes ao longo da fin de semana, unha oportunidade excepcional para coñecer e ver de preto a xogadores federados de clubes de toda Galicia. 

Horarios: Venres 13 de 16:00 h. a 21:00 h., sábado 14 de 9:00 h. a 21:00 h., e domingo 15 de 9:00 h. a 21:00 h.


 Por outra banda o venres 13, ás 20:00 h., no Centro Cultural da Vila,  terá lugar a presentación do libro «Manuel Fraga un galego cubano, Fidel Castro un cubano galego» do escritor Miguel Ángel Alvelo Céspedes , no Centro Cultural.


Sábado 14



 Na xornada do sábado día 14 de xullo desde o Concello de A Guarda convidan a visitar no Museo do Mar a exposición “As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” que dentro do proxecto “Sustentabilidade en feminino”, busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares. 
 Horarios: De 11:00 h. a 14:00 h. e de 18:00 h. a 21:00 h. os sábados, domingos e festivos.



 Durante a mañá do sábado, en horario: de 10:00 h. a 13:00 h. podemos visitar no Centro Cultural a mostra “Cambia de Perspectiva” de Pablo Lubians, na que se expoñen 15 fotografías aéreas capturadas cun drone e que amosan diferentes espazos do municipio cunha perspectiva fora do habitual. 
 O sábado celebrarase na praia do Codesal, a segunda xornada do  Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda en horario de 9:00 h. a 21:00 h.



 A Casa de Acollida As Samaritanas na Gándara, celebradende as 11:00 h., unha xornada de Portas abertas que contará coas actuacións dos grupos Argonat Band, Xamaraina, Casa de Andalucía, o Trebón dos Xidos, entre outros. 

 A iniciativa ten como principal obxectivo dar a coñecer esta fundación e as actividades e cursos que alí se realizan.

 Tamén na xornada do sábado o Estadio Municipal da Sangriña congregará a numerosos deportistas na VIII edición do Torneo de Fútbol 7 Vila da Guarda, un evento no que colabora o Concello da Guarda, a Escola de Fútbol Alameda, G.D  Miño e Avelaiña.


 Ás 20:30 h. o Salón de Actos do Centro Cultural acolle o acto de entrega de premios do XXXII Certame de Poesía Feliciano Rolán, que contará coa actuación da Coral do Clube da Terceira Idade da Guarda.

 Esta actividade está organizada pola Agrupación Cultural Guardesa en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.



 Xa pola noite o Porto será o escenario da XVII edición do Rock Guardés, ás 22:00 h., terá lugar o inicio dos concertos, que nesta edición correrán a cargo dos grupos Maryland, The Pretty Shirts e Perseide.


Domingo 15

 O domingo celebrarase nas instalacións do Codesal en Camposancos, a terceira e derradeira xornada do Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda en horario de 9:00 h. a 21:00 h.

 Dentro da programación das Festas do Carmen o grupo A Boalleira, da Gándara fará un pasarrúas pola mañá e pola noite celebrarase no Porto da Guarda unha gran verbena coa orquestra Alaska e o grupo Zeltia.

 Tamén na xornada do domingo o Estadio Municipal da Sangriña congregará a numerosos deportistas na VIII edición do Torneo de Fútbol 7 Vila da Guarda, un evento no que colabora o Concello da Guarda, a Escola de Fútbol Alameda, G.D. Miño e Avelaiña.

Luns 16

 Dentro da programación das Festas do Carmen a Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda fará un pasarrúas pola mañá e sobre as 11:00 h. sairá dende a Igrexa Parroquial a procesión do Carme ata a carpa do Porto, onde se celebrará unha misa solemne cantada pola Coral do Clube da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda. Ao remate da misa, e como ven sendo costume, realizarase no porto a ofrenda floral aos náufragos, para continuar en procesión novamente ata a Igrexa Parroquial.


 Ás 18:00 h. terá lugar un concerto do grupo de acordeóns Mascarenhas e a continuación a actuación da Orquestra Tradicional e Pandeiretas O Fiadeiro.

 Sen dúbida unha fin de semana na que gozar da Guarda, do deporte, da súa cultura, da música e das súas festividades.

 Relembramos que o luns 16 é festivo local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario