23 de xul. de 2018

A GUARDA

Enmarcado no programa Cultura no Camiño 2018

«SAAABOR» chega á Guarda 

Este mércores día 25 de xullo, ás 21:00 h., na Praza de San Bieito


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro mércores día 25 de xullo ás 21:00 horas, o Auditorio de San Bieito acollerá o espectáculo «SAAABOR», da man da Axencia Galega de Industrias Culturais AGADIC e enmarcado no programa Cultura no Camiño 2018, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto con Turismo de Galicia.

 «SAAABOR» é un espectáculo de creación propia, dirixido e adaptado por Avelino González no que conta entre o seu elenco de artistas con Félix Rodríguez e Fran Rei. Trátase dunha proposta de Culturactiva SCG para todos os públicos, que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.  

 Os protagonistas do espectáculo convértense en dous recoñecidos chefs que ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela, ata a máis elaborada, sen esquecer o viño e a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.  

 Félix Rodríguez é un actor e músico cunha ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión se complementa perfectamente con Fran Rei, cómico que ten participado en máis de 20 montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis Un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca

 Xuntos crearon este espectáculo - de 55 minutos de duración -, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes.

 Dende o Concello da Guarda convidan a veciños e vistantes a asistir e a participar neste singular evento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario