O BNG esixe “mantemento sistemático do Castelo de Santa Cruz e a súa contorna”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG, no Concello de A Guarda: “Levamos anos solicitando a limpeza da contorna do Castelo de Santa Cruz. Os últimos acontecementos demostran que falta mantemento tamén no interior do recinto”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito “solicitando que se tomen medidas para a limpeza e mantemento do Castelo de Santa Cruz e a súa contorna”, ven de afirmar Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.
“Dende hai tempo - engade Ángel Luiz Baz - o BNG ten denunciado o estado de abandono que sofre a contorna do Castelo de Santa Cruz, con herbas que superan o metro de altura, ramallos tirados pola zona, falta de limpeza, árbores rotas...
Esta xoia do patrimonio guardés custou moitos cartos do erario público para lograr a súa apertura ao pobo e a posta en valor coas reformas que se fixeron. É responsabilidade do grupo de goberno do PSOE manter e potenciar este espacio”.
Segundo o voceiro nacionalista “para o BNG é un esperpento o vivido días pasados coa organización do “Interlude Fest” pon de manifesto a falta de mantemento, non so da contorna do Castelo, se non tamén do seu interior”.
“Unha infraestrutura chamada a ser unha das áreas de lecer máis importantes do Concello da Guarda sofre un estado de abandono preocupante. Debera ser un lugar de encontro para guardeses e guardesas e as veces parece máis unha finca abandonada...”, comentou Ángel Luis Baz Vicente.
“Dende o BNG temos claro que este espazo non se pode limpar soamente cando se celebra algún acontecemento puntual. Este recinto necesita dunha limpeza sistemática para que calquera persoa que desexe gozar deste espazo aberto o poida facer sen ter a sensación de entrar nun espazo abandonado”, conclúe Baz Vicente.
Vergoña tería que darlle o Sr. alcalde; e o que aconteceu co "interlude fest" foi un despropósito de principio a fin. Tiveron que limpar os ramallos os organizadores, pecharonlle os baños e como iso era pouco, non poideron finalizar o concerto porque os polis correunos a todos de mala maneira, ¿que pasa cos horarios? ¿porqué uns poden estar hasta as 6 da mañán e outros non?. Discrimínase moito neste axuntamento! ¡Non hay dereito a iso!
ResponderEliminar