Hospital
Casa-Asilo da Guarda (1918-2018)
Centenario
dunha institución benéfica nacida en Puerto Rico
Vista parcial da Alameda e o edificio do Hospital Casa-Asilo de A Guarda, en 1928
Joaquín Miguel Villa Álvarez / A Guarda
Ata
a aparición da Seguridade Social en España na década de 1960, a saúde das
persoas, e máis aínda a das persoas maiores, era atendida en proporción aos
medios humanos e económicos de que dispuxese cada familia. Unha circunstancia
que deixaba practicamente en estado de abandono aos anciáns pobres e sen
familia. A vergoña social que ocasionaba esta triste realidade vana sentir moi
especialmente os emigrantes en América, os cales van protagonizar –no caso que
nos ocupa– un admirable intento de poñerlle remedio coa creación dun Hospital Casa-Asilo
no seu pobo natal. Este libro é, precisamente, a historia dese proxecto
benéfico; pero tamén dos seus artífices, os emigrantes guardeses de Puerto Rico, así como do marabilloso edificio que
puxeron en pé; unha espectacular «casa indiana», paradigma do fantástico legado
que representa o singular conxunto de casas indianas
que posúe o municipio de A Guarda.
A orixe deste estudio
remóntase a finais de maio de 2017, cando lle propuxemos ao alcalde Antonio
Lomba Baz, e ao concelleiro de patrimonio Javier Crespo González, a
realización dun libro coa historia do Hospital Casa-Asilo (1918-2018), xa que ao
ano seguinte, 2018, se cumpriría o centenario da creación en Puerto Rico da
Xunta Organizadora que lle deu orixe. Ademais, uns meses antes, en xaneiro de
2017, presentárase a terceira e última parte da historia da Sociedade Pro-Monte,
unha asociación intimamente vinculada a ese Hospital dende os seus comezos ata
a actualidade. Era sen dúbida un momento propicio, e así vírono tamén eles ao aceptar
a proposta; mesmo decidiron dedicar todo o ano 2018 a conmemorar o centenario. Apostaban
así, unha vez máis, pola importancia e utilidade do coñecemento histórico da
localidade.
A comezos de xullo de 2017
comezamos pois a elaboración do libro, unha tarefa que ía resultar máis
complexa do que pensabamos. Contabamos coa valiosa axuda dun estudio previo,
da autoría de Antonio Martínez Vicente e Xoán
Martínez Tamuxe: Semblanza histórica del
Centro Socio-Cultural de A Guarda (1993),
o cal recolle toda a historia do Centro Sanitario, dende os seus inicios en
1918 ata a súa conversión nun centro socio cultural en 1991. Uns anos despois, en
1997, Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez incidía na natureza migratoria dos fundadores nun
artigo titulado: «Fundación dun Hospital-Casa-Asilo na vila de A Guarda por emigrantes galegos en Puerto Rico». E
máis recentemente José Antonio Uris Guisantes
publicaba en galiciasuroeste un extenso traballo titulado: «Fundación
Hospital Casa Asilo de A Guarda - Avelino
Vicente González», baseado nunha profusa utilización
da documentación municipal.
Para coñecer a historia desta institución
benéfica contamos tamén cunha abundante documentación, formada na súa maioría por
informes, presupostos, planos, e moi especialmente correspondencia, tanto
oficial como privada. Non se conservaron, sen embargo, as actas das reunións
dos artífices do proxecto nas súas diferentes etapas, o que dificultou
enormemente a tarefa de armar a historia ao ter que facelo a partir dunha
información colateral, fragmentada e con varias lagoas no tempo. Algunhas buscas
fixémolas mesmo en arquivos particulares, como o de María Isabel Urbano Vicente, que
amablemente nos deixou consultar fai xa tempo, ou o de Alfonso Martínez
Peniza, neste caso por cortesía do seu neto Alfonso
Martínez Tezanos. Non obstante, as principais fontes
documentais deste libro son realmente tres:
1. - O Fondo Pro Monte Santa
Tecla (FPMST),
do que é depositario Antonio Martínez Vicente
quen, unha vez máis, nos permitiu estudalo con todas as facilidades. Trátase
da fonte máis importante, en primeiro lugar pola información que conteñen os
dous primeiros libros de Actas Ordinarias de Pro-Monte (1912-1954) e
(1954-1964), pero tamén polos papeis soltos do Hospital que existen nunha
carpeta, os cales ordenamos e clasificamos en tres cartapacios.
2. - O Arquivo Municipal de
A Guarda (AMAG),
onde identificamos tres expedientes con documentación do Hospital
Casa-Asilo. Un deles contén precisamente o Libro de Actas do Padroado
que se abriu –tardíamente– no ano 1961.
3. - O Arquivo Histórico
Provincial de Pontevedra (AHPP),
concretamente o Fondo do Goberno Civil, onde existe un expediente con
documentación relativa a este Padroado.
En
canto ás fontes impresas, empregamos as
Memorias Anuais da Sociedade Pro-Monte, as cales nos facilitou Antonio
Martínez Vicente; dúas memorias editadas en
Puerto Rico pola Sociedad Hospital creada entón naquela illa; e outras dúas
memorias do Hospital Auxilio Mutuo. E por suposto utilizamos a prensa, consultando
de forma sistemática os semanarios guardeses La
Voz do Tecla (1911-1920)
e Heraldo Guardés (1904-1935), así como as revistas Vida Gallega
(1909-1938 e 1954-1963) e Puerto Rico Ilustrado (1910-1952); e tamén os
diarios vigueses Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, e La Integridad de Tuy.
Por último debemos mencionar
as 125 imaxes que ilustran este libro, na súa maioría fotografías, as
cales teñen 40 procedencias distintas. O noso máis sincero agradecemento a
todas as persoas e institucións que as achegaron, entre as cales destaca de novo
Antonio Martínez Vicente con 36 imaxes (o 29%
do total). A el débolle pois un agradecemento moi especial pois sen a súa axuda,
sempre incondicional, este estudio non sería posible.
Conclusións
A idea de construír en A Guarda unha institución benéfica para atender a
saúde das persoas pobres, e sobre todo a dos anciáns desamparados, partiu a
comezos de 1918 de Manuel Rodríguez Portela,
un exitoso home de negocios en Puerto Rico de elevado espírito altruísta
e caritativo. Unha idea que someteu á consideración de Avelino Vicente González –o home que dotase de edificio propio ao Hospital
Auxilio Mutuo– quen aceptou encargarse da súa execución. Así, aos poucos días,
o 17 de xaneiro de 1918, reuniu os guardeses máis
destacados que residían na capital San Juan,
os cales decidiron sumarse á caritativa empresa creando ese mesmo día a chamada
Xunta Organizadora (1918-1922) do «Hospital Casa-Asilo de La
Guardia», que foi como se definiu a futura
institución benéfica.
Para
os primeiros traballos en España utilizaron a institución entón máis dinámica
de A Guarda, a Sociedad Pro-Monte Santa
Tecla, presidida polo indiano
puertorriqueño Manuel Lomba Peña. A súa primeira
xestión foi a elaboración dos planos, para o cal abriu un concurso en Madrid
que gañou en 1919 o novo arquitecto vasco Tomás Bilbao Hospitalet. A segunda foi a elección dun lugar adecuado para a
edificación do hospital, optándose en 1920 polas «Coutadas», xusto no
arranque da estrada de suba ao monte Santa Tecla. E a
terceira xestión foron as obras de cimentación do edificio, que se
realizaron entre agosto de 1921 e febreiro de 1922.
A finais de 1921 a Xunta
Organizadora delegou as súas funcións nun grupo de artífices do proxecto
residentes xa en España, os cales, en unión do presidente de Pro-Monte,
formaron a Xunta Construtora (1922-1932) coa misión de construír o
hospital. O edificio empezou a levantarse en marzo de 1923, e rematou en xaneiro
de 1927. Neste mesmo ano realizáronse as obras de carpintaría de portas e
ventás, aínda que non foi ata setembro de 1931 cando se concluíron todos os
traballos.
Rematado o edificio a Xunta
Construtora disolveuse, e en 1932 substituíuna o Padroado do Hospital
Casa-Asilo de La Guardia, a institución
que se convertería na propietaria do novo edificio. E como todo o diñeiro dos
donativos se gastaran na construción do devandito inmoble, o padroado cedeuno
ao Instituto Provincial de Hixiene de Pontevedra para a instalación dun
«Centro Secundario de Hixiene Rural», isto é, un «Centro Sanitario» que funcionou
só catro anos como hospital, pero nunca como asilo de anciáns, o outro grande
sono dos fundadores. A pregunta é pois inevitable: ¿Por que fracasou
esta iniciativa benéfica nacida en Puerto Rico?
A razón principal está moi
clara: pola súa propia debilidade económica, xa que os
iniciadores optaron polos donativos como única vía de financiamento.
Así, realizaron oito subscricións entre 1918 e 1925 (case todas en Puerto Rico,
pero tamén en República Dominicana, Cuba e Nova York), recadando 25.430
dólares, unha considerable suma á que habería que engadir a importante doazón
de 5.000 dólares realizada en 1927 por unha puertorriqueña de ascendencia guardesa: Emilia
Ángel Fernández. En total reuníronse 30.430 dólares,
equivalentes a unhas 250.000 pesetas. O principal doador sería finalmente o
fundador Manuel Rodríguez Portela con 50.000
pesetas. Pero o grande éxito destas recadacións en Puerto Rico
contrastou coa inexistencia dunha recadación en A
Guarda, o lugar onde se ía levantar o futuro Hospital. Outro exemplo
da enorme sensibilidade colectiva dos galegos da emigración fronte á pasividade
dos galegos de aquí. Ao final en A Guarda reuníronse
unhas 10.000 pesetas grazas a tres funcións teatrais benéficas celebradas entre
1919 e 1921, un partido de fútbol xogado en 1924, e sobre todo o legado
testamentario de Dionisio Pérez Álvarez, un
retornado de Puerto Rico que antes de falecer en Madrid en 1920
deixou 8.838 pesetas para o Hospital. Por todo iso, o diñeiro recadado só
chegou para a construción do edificio, pero xa non para a dotación de material
hospitalario ou cadros médicos. Así pois, en 1932 o Padroado nacía sen recursos
monetarios de ningún tipo, e como non houbo novas colectas ou doazóns que
garantisen o desenvolvemento do hospital –os principais impulsores faleceron
entre 1928 e 1933–, a institución quedou condenada dende os seus inicios a
arrastrar unha estéril existencia de cara á súa extinción.
A obrigada cesión do edificio
ao Estado en 1932 para a instalación dun Centro Sanitario
tampouco foi a solución xa que o seu financiamento dependía en boa medida dos
Concellos da bisbarra, cuxos presupostos municipais eran sempre moi precarios.
Esta fraxilidade financeira púxose de manifesto en decembro de 1936 cando, a
causa da Guerra Civil, ditos concellos reduciron á metade as subvencións que
achegaban; e xa en 1941 negáronse a asumir unhas obras realizadas no inmoble. A
iso habería que engadir a situación xuridicamente irregular que se daba dende o
ano 1932 pois o Estado estaba a ofrecer un servizo público nun edificio de
natureza privada. Nestas circunstancias, o Centro Sanitario tiña os seus días
contados, e de feito deixou de existir en 1950.
Producíronse entonces dúas
iniciativas para volver poñelo en funcionamento. A primeira nese mesmo ano 1950
protagonizada novamente polos guardeses de Puerto
Rico, os cales fundaron naquela illa a Sociedade Hospital para
atender as necesidades básicas da xente máis necesitada da Guarda e a súa bisbarra; solicitando ademais o edificio do
Centro Sanitario para instalar un novo centro hospitalario que chamarían
Hospital Casa-Asilo «Avelino Vicente». Non obstante nunca o
lograron. A outra iniciativa protagonizouna a Sociedade Pro-Monte, a cal, tras
reconstituír o Padroado en 1961, solicitou a clasificación definitiva do
Hospital Casa-Asilo como institución de beneficencia particular. Sen embargo, en 1964 a Dirección Xeral de
Beneficencia negóullelo porque tales entidades
necesitaban posuír capital abondo para o seu funcionamento, do que neste caso
carecíase totalmente. Así pois, o Padroado era dono dun flamante edificio que, paradóxicamente,
non podía destinar ao fin para o que fora creado. Só se mantivo nel un
dispensario antituberculoso ata 1967, e na década de 1980 un consultorio
médico. A realidade é que A Guarda non tería un
Centro de Saúde público ata o ano 1993, e un asilo de anciáns nada menos que
ata 2005.
Neste lento e estéril declinar
do Hospital Casa-Asilo como institución benéfica acabouse prantexando,
inevitablemente, un grave problema: o edificio ameazaba ruína e había que
arranxalo; e o propietario (o Padroado) non tiña medios para iso. Houbo entón
ata catro intentos de extinción do Padroado para que o inmoble pasase ao Estado
e este se encargase da súa reforma e mantemento. O primeiro deles, en 1972, foi
desbaratado polo propio Padroado; o segundo e o terceiro, promovidos polo
Concello da Guarda en 1985 e 1987, foron desestimados pola Xunta de Galicia; e o cuarto, suscitado polo propio Padroado en
1990, foi impedido outra vez pola Xunta. Finalmente,
en 1991, optouse por unha solución provisional: o Padroado arrendou o
edificio ao Concello por un período de 30 anos, e a continuación o Concello
asinou un convenio de cooperación coas Consellerías de Cultura e Servizos Sociais da Xunta
para a rehabilitación do inmoble e a súa conversión nun Centro Socio-Cultural. A rehabilitación do edificio produciuse entre 1991
e 1992, sendo alcaldesa Purificación Álvarez, inaugurándose o 7 de maio de 1993
coa presenza do Presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne.
Outra causa do fracaso do
Padroado do Hospital Casa-Asilo foi a súa debilidade institucional,
pois se deseñou seguindo un modelo baseado na beneficencia tradicional, de
cando o Estado non existía ou non cubría estas necesidades. Así, o seu esquema
económico era antigo –baseado na beneficencia–, e os seus membros ancestrais –tres
párrocos, un médico e tres indianos–, moi dignos para posuír a institución pero
pouco funcionais para unha moderna xestión hospitalaria. Aínda que con diñeiro
todo tería solución. Pero sen dúbida o máis novidoso foi outorgar a presidencia
do Padroado á Sociedade Pro-Monte, unha decisión que poñía en risco o futuro do
propio Padroado xa que, como toda asociación, a Pro-Monte podía desaparecer en
calquera momento, ben polo cumprimento dos seus fins, a simple vontade dos seus
asociados ou a falta de medios. E en efecto, no ano 1979 a Sociedade Pro-Monte
deixou de existir, aínda que o seu presidente interino seguiu exercendo como
tal. Produciuse entón unha situación totalmente irregular pois ao non disolverse
formalmente, tal e como contemplaba o artigo 34º do seu Regulamento, a Pro-Monte
seguía tendo personalidade xurídica, cun patrimonio ao seu nome e a consabida
presidencia do Padroado do Hospital Casa-Asilo. Semellante galimatías legal
non se resolveu entón de ningún xeito, optándose por estender a situación de interinidade na presidencia de Pro-Monte ao Padroado. Así ata a
actualidade.
Pois ben, para
resolver ambas as dúas debilidades, a económica e a institucional, preséntase
na actualidade unha oportunidade inmellorable pois coa disolución formal de Pro-Monte,
todos os seus bens e dereitos irían parar ó Concello; entre eles a presidencia
do Padroado do Hospital
Casa-Asilo. Unha decisión coa que se garantiría a estabilidade institucional da
Fundación, así como o seu amparo económico por parte do erario público ao
tratarse dun establecemento de responsabilidade municipal. O propio fundador de
Pro-Monte e artífice do Hospital Casa-Asilo, Manuel Lomba Peña, tal vez o home máis importante na recente historia de A Guarda, comprendeu xa no seu día a necesidade dun
financiamento público dos grandes proxectos culturais (o monte Santa
Tecla) e benéficos (o Hospital Casa-Asilo); e
ademais sinalounos o camiño.
O que ninguén discute hoxe é
que, ademais do seu inmenso legado espiritual, aqueles ilustres filántropos guardeses deixáronnos un impresionante legado material: o edificio
do Hospital Casa-Asilo, hoxe Centro Cultural, talvez a construción máis
representativa da localidade. A súa soa imaxe, e mesmo a súa silueta, está xa
asociada hoxe en día á vila guardesa, e polo tanto a identifica.
Converteuse pois nunha icona, o mesmo que a Torre do Reloxo ou a
«casa celta» levantada en 1965 pola Sociedade Pro Monte.
Un legado que, inescusablemente, debemos coidar e conservar.
Para rematar gustaríame dicir,
con toda humildade, que para min foi un privilexio e unha honra escribir este
libro; e que tan só espero ter estado á altura da institución estudada e os
seus artífices, cuxa insigne memoria forma xa parte
do patrimonio material e inmaterial do noso pobo.
Nota da Redacción de Infogauda:
Ningún comentario:
Publicar un comentario