25 de xul. de 2018

A GUARDA

A terceira visita teatralizada realizarase este xoves 

O punto de partida é a Praza do Reló, no casco histórico da vila 

As visitas teatralizadas deste verán están tendo un novo éxito de participación de veciños e visitantes
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 26 de xullo, A Guarda oferta a terceira cita da programación de visitas teatralizadas que se repite semanalmente - agás os xoves 19 de xullo e 9 de agosto - ás 21:00 horas durante todo o verán ata o 30 de agosto.

 Tralo éxito das dúas primeiras sesións, dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía e aos visitantes nesta tempada estival, a que aproveiten esta oportunidade para coñecer un pouco da historia da nosa vila, dun xeito moi divertido e ameno. 


 Baixo o lema “De alén mar para A Guarda” e enmarcadas nas conmemoracións do I centenario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán toman coma fonte principal o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez. 

 Esta actividade amosa á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes neste espectáculo. As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorren o centro histórico, comezando ás 21:00 horas na Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda, onde rematan cunha actuación musical de artistas convidados. 

Lucho Penabade e Tero Rodríguez comezan súa actuación no balcón da Casa do Concello

 Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga hoxe en día as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario