15 de xuño de 2018

O ROSAL

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONSTRUIRÁ UNHA NOVA SENDA PEONIL NA ESTRADA QUE UNE SAN MIGUEL DE TABAGÓN E VALDEMIÑOTOS 

· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirmou á alcaldesa a viabilidade do proxecto, cun investimento que rolda os 400.000 euros    

· O nacionalista solicitará unha reunión coa Xunta para aclarar problemas de titularidade e solicitar colaboración 
  

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, así llo confirmou esta semana á alcaldesa María del Carmen Alonso Alonso nun encontro no que se perfilaron cuestións do proxecto co persoal técnico provincial. 
Foto: D. P.


Infogauda / O Rosal

 A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai construír unha nova senda para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade peonil na estrada provincial EP-3302 entre os lugares de San Miguel de Tabagón e Valdemiñotos, no concello de O Rosal. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, así llo confirmou esta semana á alcaldesa María del Carmen Alonso Alonso nun encontro no que se perfilaron cuestións do proxecto co persoal técnico provincial. 

 Segundo indicou Benítez, a nova senda ten como obxectivo crear un itinerario peonil seguro segregado do tráfico rodado, aportando alternativas de mobilidade máis seguras para a veciñanza da zona. “Estamos concienciados da necesidade de aumentar a seguranza viaria e de promover actuacións orientadas á mobilidade sostible. Hai que dar maior prioridade aos peóns, e a veciñanza do Rosal quedou sen alternativas para ir a pé entre os núcleos de Valdemiñotos e San Miguel de Tabagón, principalmente pola construción do corredor CG-4.2 Tui-A Guarda, que fai que o único medio de transporte posible na actualidade sexa o vehículo privado”, explicou o deputado. 

 Por este motivo, o persoal técnico da Deputación xa redactou un proxecto centrado en mellorar a contorna e executar unha senda de formigón coloreado cun trazado paralelo á EP-3302 pola súa marxe esquerda. Comezaría no núcleo de Valdemiñotos en dirección sureste (PQ 1+940 ata o vial municipal) ata o núcleo de Tabagón, cruzando superiormente o corredor. Proponse ademais unha mellora da drenaxe lonxitudinal da vía e drenaxes transversais, aumentar a superficie asfaltada actual, e crear un espazo para integrar o actual parque e unha futura marquesiña de autobuses no lugar de Tabagón. Prevese que o orzamento das obras sexa de 396.061,96 euros e, unha vez adxudicadas, estarían realizadas nun prazo de cinco meses. 

 Segundo explicou Benítez, o próximo paso para levar a actuación adiante é solicitar unha reunión coa Xunta de Galicia para resolver os problemas de titularidade dos treitos das estradas construídos polo goberno autonómico que funcionan como variante á vía provincial e enlazan co corredor. A intención é que estes treitos pasen a ser propiedade da Deputación e do Concello. 

 Así mesmo, o obxectivo do encontro tamén será que o goberno galego participe no financiamento da senda coa sinatura dun convenio a tres bandas entre Deputación, Concello e Xunta. 

 Na reunión entre o deputado e a alcaldesa do Rosal, esta manifestou a súa satisfacción polo proxecto da senda e destacou que o Concello xa ten todas as cesións de terreos necesarias para levar adiante as obras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario