19 de xuño de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

Paulo Carril: "Os xestos non son suficientes, ou se derrogan todas as reformas ou non haberá recuperación dos dereitos" 

O secretario xeral da CIG chama á mobilización continua "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno porque si" 


Infogauda / A Coruña

 Baixo o lema "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos", a CIG mobilízase este martes nas sete cidades e as principais localidades galegas para esixirlle ao novo Goberno do Pedro Sánchez pasos firmes para a derrogación e anulación de todas as reformas antiobreiras e antisociais impostas so pretexto da crise. "Xa non valen os xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para non derrogar a reforma laboral. De igual maneira que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir a correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque senón estaremos ante un grande engano e unha fraude". 

 Así de contundente se pronuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participa na manifestación da Coruña e insta a manter viva a loita social "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno alegremente". E ante a expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa, advirte do perigo de caer na trampa dos xestos baleiros.  

 Unha expectativa que, subliña, é máis froito dun desexo de cambio tras anos sufrindo as duras políticas do PP no plano económico, social e laboral, dos recortes nos servizos públicos e nas liberdades, "que das actuacións reais do novo Goberno, que xa comezou a desdicirse do que prometeu sobre a reforma laboral". Refírese así o secretario xeral da CIG ás declaracións realizadas polo presidente do Estado e a súa equipa, asegurando que non van botar abaixo a reforma laboral por falta de apoio parlamentar, "cando hai un mes dicían que sería unha das primeiras medidas a tomar".  

 Buscar a correlación de forzas necesaria 

 Pregúntase que postura vai adoptar o PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña paralizadas. A este respecto reitera que "non valen reformiñas nin maquillaxes", que Sánchez debe buscar a correlación de forzas necesaria para o cambio de políticas ou, do contrario, estaremos ante unha moción que é unha fraude. "Porque a reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", acusou. 

 Neste senso, o secretario xeral da CIG recorda que o Partido Socialista "é responsábel e causante dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora e que a chegada do PP ao Goberno de Madrid, multiplicou".  Tal é o caso da reforma laboral de Zapatero de 2010 (contra da que se convocou folga xeral) ou a reforma das pensións de 2011, que contou co apoio de UGT e CCOO (e contra da que a CIG foi a unha folga xeral en xaneiro dese ano).  

 A falacia do pacto social 

 De maneira simultánea ao cambio de Goberno, vemos como se escribe un novo capítulo do pacto social. "Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UGT e CCOO", critica. Se durante anos ambas organizacións mantiveron unha actitude conformista e pasiva, mesmo de colaboración co PP, aparecen agora falando do pacto social coa patronal e o novo Executivo. "Mais por esa vía non virán as solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas formas de contratación que escravizan as condicións de traballo, nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral", salienta Carril. Precisou que é esa "ideoloxía perversa da concertación social o obstáculo para a recuperación dos dereitos, porque trae consigo a extensión dos efectos do cancro da reforma laboral e da negociación colectiva". 

 Seguir na mobilización para conquistar os dereitos 

 Ante esta perspectiva, Paulo Carril considerou que sería un erro imperdoábel caer na desmobilización. Por iso, a CIG chama á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego "a rearmarnos aínda máis dende as rúas e dende os centros de traballo e demostrando a nosa disposición de loita" para esixir un calendario real de recuperación dos dereitos que permitan ter pensións e empregos dignos na nosa terra. "Que non nos confundan e que non nos enganen. Os dereitos conquístanse coa mobilización, con organización e con contestación social permanente", reitera. 

 "Na CIG apostamos pola loita social constante e sostida no tempo, porque é o factor clave para forzar, para facer real os cambios necesarios que levamos anos reivindicando", subliña o secretario xeral, lembrando que a central sindical suspendeu a folga xeral prevista para este 19 de xuño, ante o cambio de escenario político, pero coa premisa de retomar a convocatoria se nos vindeiros meses o Goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non poñen en marcha as medidas necesarias para reverter todas estas reformas que rouban e saquean a clase traballadora.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario