11 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda súmase ao proxecto «Libera» 

Coa recollida colaborativa de lixo na praia do Muíño  

· A batida celebrarase o sábado 16 de xuño ás 10:00 horas e está aberta a participación de voluntarias e voluntarios.  


Sara Alonso / A Guarda

 O proxecto «Libera, naturaleza sin basura» convoca o vindeiro sábado, 16 de xuño, a segunda edición de «1m2 por la naturaleza», a gran recollida colaborativa nacional para liberar de lixo a natureza. Nesta ocasión, o Concello da Guarda únese como entidade organizadora, establecendo como punto de recollida a praia do Muíño.  

 O obxectivo da iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo. Para isto, «Libera» propón a acción de voluntarias e voluntarios de todo o país en distintos puntos da súa xeografía, promovendo a concienciación medioambiental e a recollida de lixo conxunta.  

 Nesta liña, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda organiza  a batida de limpeza que se realizará no areal guardés a partir das 10:00 horas do sábado. As persoas interesadas en participar nesta recollida ou noutro punto da provincia ou da comunidade autónoma, poderán consultar os puntos de recollida organizados por diferentes colectivos, organizacións e administracións públicas na páxina web www.proyectolibera.org e inscribirse.  

 As e os participantes deberán presentarse no acceso á praia do Muíño á hora arriba indicada, onde se lles entregará un paquete co material necesario para a recollida do lixo (luvas e bolsas de lixo de diferentes cores para a reciclaxe dos residuos).   

 Sobre «Libera» 

 «Libera» é un proxecto creado pola ONG medioambiental SEO/BirdLife en colaboración con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases. A acción «1m2 por la naturaleza» é a iniciativa bandeira do proxecto. Na súa primeira edición, logrou recoller 30 toneladas de lixo en 48 provincias españolas.    


Ningún comentario:

Publicar un comentario