O Concello da Guarda organiza a XXIII Travesía a Nado Porto da Guarda
O período de inscrición na proba permanecerá aberto do 11 ao 29 de xuño.
Sara Alonso / A Guarda
A tradicional Travesía a Nado Porto da Guarda chegará a súa vixésimo terceira edición o vindeiro 7 de xullo, concidindo coa celebración da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira (do 6 ao 8 de xuño). A proba deportiva admitirá a participación de persoas de todas as idades, tanto federadas como non federadas, con categorías feminina e masculina e 6 subcategorías por rangos de idade.
A travesía partirá do peirao ás 12:00 horas, con dous percorridos en función da idade dos participantes. Así, os rapaces e as rapazas de ata 11 anos realizarán un percorrido de 400 metros, namentres as persoas de 12 anos en diante percorrerán unha distancia de 1.200 metros no interior do porto guardés.
Mapa indicativo dos percorridos e información complementaria
O período de inscrición permanecerá aberto entre os días 11 e 29 de xuño. As persoas interesadas en participar poderán anotarse na proba a través da páxina web do Concello da Guarda, premendo na imaxe da XXIII Travesía a nado Porto da Guarda e cumprimentando o formulario enlazado.
Os menores de idade non federados deberán achegar unha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor/a legal ao correo electrónico turismo@aguarda.es.
Para máis información, poderán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo, chamando ao teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.
A XXIII Travesía a nado Porto da Guarda é un evento organizado pola Concellería de Deportes do Concello da Guarda en colaboración co Club de Remo Robaleira, o club Alagua, a Confraría de Pescadores Santa Tecla e a empresa Río Verde motores forabordas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario