18 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda participa no proxecto Libera recollendo lixo na Praia do Muíño 

Os concelleiros Montserrat Magallanes Álvarez e Paulino Rodríguez González, tamén participaron na actividade «1m2 por la naturaleza»
Fotos: C. A. G.

Jorge Alonso / A Guarda

 O proxecto «Libera, naturaleza sin basura» celebrou o pasado sábado día 16 de xuño a súa segunda edición de «1m2 por la naturaleza», a gran recollida colaborativa nacional para liberar de lixo a natureza. Nesta ocasión, o Concello da Guarda sumouse como entidade organizadora, establecendo como punto de recollida a praia do Muíño.  

 O obxectivo da iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo. Para isto, «Libera» propón a acción de voluntarias e voluntarios de todo o país en distintos puntos da súa xeografía, promovendo a concienciación medioambiental e a recollida de lixo conxunta.  


 Nesta liña, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda organizou a batida de limpeza que se realizou no areal guardés do Forte - tamén coñecido como O Muíño, en Camposancos - dende as 10:00 horas da mañá do sábado, extendéndose ata a zona da Armona e o Punta, e tamén na zona do Sendeiro Azul entre o Porto da Guarda e a Praia de Fedorento. Aínda que a participación foi reducida no número de persoas participantes, recolléronse varios sacos con plásticos, papeis, cartóns, pilas, restos de redes de pesca, entre outros. 


 Os participantes recibiron un paquete co material necesario para a recollida do lixo (luvas e bolsas de lixo de diferentes cores para a reciclaxe dos residuos), que despois foi enviada ata o Punto limpo da Guarda para a súa posterior selección e reciclado.  

Proxecto «Libera» 

 «Libera» é un proxecto creado pola ONG medioambiental SEO/Birdlife en colaboración con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases. A acción «1m2 por la naturaleza» é a iniciativa bandeira do proxecto. Na súa primeira edición, logrou recoller 30 toneladas de lixo en 48 provincias españolas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario