22 de xuño de 2018

A GUARDA

Derradeiros días de inscricións para a XXIII Travesía a nado do Porto da Guarda  

Vista parcial da saída dos participantes nunha edición precedente da Travesía a Nado do Porto da Guarda
Foto: C. A. G.

Jorge Alonso / A Guarda

 O vindeiro venres día 29 de xuño péchase o prazo de inscricións para participar na XXIII Travesía a Nado do Porto da Guarda, que terá lugar o sábado 7 de xullo, coincidindo coa Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.  

 As inscricións realízanse de xeito electrónico na web do Concello da Guarda, sendo preciso a lectura do regulamento de participación e asinar a autorización para os menores de idade que desexen participar.  

 Nesta XXIII edición, a Travesía a Nado do Porto da Guarda contará con 12 categorías por idades, 6 femininas e 6 masculinas, para os nados  en 1980 e anteriores, de 1981 a 1997, de 1998 a 2002, de 2003 a 2006,  de 2007 a 2011 e de 2012 a 2018. Segundo a categoría elixida haberá dous percorridos de 400 e 1200 metros. Admítese a participación de persoas federadas e non federadas.


 A proba comezará ás 12:00 horas no Porto da Guarda, con saída dende as escaleiras do muelle, facendo un percorrido polo interior do recinto portuario, marcado por boias. Queda prohibida a utilización de axudas externas como aletas, flotadores e similares. O neopreno só se poderá utilizar se a temperatura da auga e menor aos 18º ou por decisión da organización. Poden empregarse as duchas quentes das instalacións do Club de Remo Robaleira. A entrega de premios realizarase a partires das 13:00 horas.  

 A XXIII edición a Travesía a Nado do Porto da Guarda está organizada pola Concellería de Deportes do Concello da Guarda e colaboración co Clube Alagua, Río Verde, a Confraría de Pescadores Santa Tecla e o Clube de Remo Robaleira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario