Gran actividade cultural e deportiva nesta fin de semana na Guarda
· Moita música, cultura e programación para todas as idades para dar a benvida ao mes de xullo na Guarda
Infogauda / A Guarda
A Guarda contará unha vez mais cunha fin de semana de gran oferta cultural e deportiva para todas as idades, que dende o venres e ata o domingo realízanse en diferentes espazos públicos do municipio.
Venres 29 de xuño:
Na xornada deste venres día 29 de xuño destaca a presentación do libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018) Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, do historiador local Joaquín Miguel Villa, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda.
Ás 20:30 horas, as instalacións da Asociación Veciñal “O Percamiño” da Gándara acollerán unha Mostra Musical a cargo da Agrupación Musical da Guarda.
Sábado 30 de xuño:
O sábado 30 de xuño ás 12:00 horas, o Museo do Mar da Guarda acolle a inauguración da Exposición “As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” que, baixo o proxecto “Sustentabilidade en feminino”, busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares.
A Praza do Reló acolle dende as 20:00 horas o I Festival Sons da Guarda no que participarán o Coro Arpegios, o Coro Cantábile, a Coral da Terceira Idade, a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e o Coro de Cámara de Crecente. Este evento está organizado pola Asociación Arpegios Cantábile.
Durante toda a xornada do sábado a Fortaleza de Santa Cruz será o escenario da I edición do Interlude Fest, un festival de música organizado dende a Asociación Cultural Rock´n´Rolla que contará con diversas actividades coma un Campionato de Petanca, Xornadas de adopción animal, Mercado solidario de Conrazones, mostra de artesanía, inchables e xogos infantís, así coma as actuacións dos grupos Kuna de Odio, Mano de Piedra, Santos Morcegos, Terader, Silf-Atär, Teseracto, Jani´s Joplin e Perseide.
O recinto abrirase ás 11:00 horas e os concertos comezarán ás 20:00 horas.
Domingo 1 de xullo:
O domingo día 1 de xullo na Alameda da Guarda terá lugar unha xornada de Ioga aberta ao público e de carácter gratuíto, de 11:00 a 12:00 horas.
Ás 20:30 horas o Auditorio de San Bieito acolle a XIV edición do Festival de Baile Moderno, unha das citas mais importantes de baile e danza na programación do verán na Guarda, evento organizado polo Grupo de Baile Xamaraina.
A Exposición “Faros de Galicia” de Carlos Ramos Fernández estará presente no Centro Cultural da Guarda ata o vindeiro 7 de xullo, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Moita música, cultura e programación para todas as idades para dar a benvida ao mes de xullo na Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario