13 de maio de 2018

O ROSAL

Gran celebración das Letras Galegas no Rosal 

Mércores 16 e xoves 17 de maio, ampla programación de actividades na Praza do Calvario do Rosal


Agrupación Musical do Rosal

 O Día das Letras Galegas e un día especial para todos os galegos, no cal destacamos a importancia da literatura no noso idioma, estando este ano adicado a María Victoria Moreno. 

 Nesta data, ademais de enxalzar á figura da escritora, ímos amosar a nosa arte a través da música. Nesta ocasión organizaremos actos no propio día e tamén a noite anterior. 


 O día 16 temos preparada unha verbena por todo o alto, coa participación dos grupos locais "Coro Fuscalheiro", "QuédeQué" e tamén contaremos coa actuación da popular e televisiva "A Banda da Balbina". Os concertos comezarán ás 22:30 horas e dende ás 21:00 horas poderase degustar Porco ó Espeto a prezos populares, contando tamén con cantina.  


 Xa o 17, Día das Letras Galegas, teremos diversas actuacións e actividades durante todo o día, para tódolos gustos e tódalas idades. Terán protagonismo os rapaces e alumnado da nosa escola de música, mediante actuacións da Banda Infantil, Coro Infantil, Grupo de Clarinetes Kla-son, música tradicional con Orballo e As nove alí, etc. Pola tarde tamén nos acompañarán "Bemolecontos" que farán disfrutar os nenos coas súas aventuras polo mundo dos libros.  

 Aparte da compoñente literaria e musical, nese día tamén se intenta fomentar a convivencia entre tódolos membros da Agrupación, grandes e pequenos. Música, contacontos, venda de libros, obradoiros, e postos de comida e postres caseiros a prezos populares, co fin de recadar fondos para as actividades que realizamos durante o ano na escola de música e no colectivo. Tamén contaremos nesta edición coa colaboración da asociación de comerciantes ACOR, participando varios establecementos na colocación de postos de venda.  

 Todos os actos terán lugar na Praza do Calvario do Rosal, que, en caso de chuvia, estará cuberta cunha carpa.  

 A Agrupación Musical do Rosal ven organizando esta actividade, en colaboración co Concello do Rosal, dende o ano 2006. En todas as edicións tivemos moi boa acollida por parte do público, asistindo ademais da poboación do Rosal visitantes doutros lugares do Baixo Miño e incluso doutras comarcas da provincia.  

 Se queres pasar unhas boas xornadas, achégate ata O Rosal a celebrar con nós as Letras!

Ningún comentario:

Publicar un comentario