A XUNTA DE GALICIA FOMENTA O EMPREGO NO RURAL COA CONTRATACIÓN DE 6 PERSOAS DESEMPREGADAS NOS CONCELLOS DO BAIXO MIÑO
· A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver o programa Aprol Rural que, con máis de 6M€ de investimento, incentiva durante 9 meses a tempo completo a contratación para realizar tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes e valorización forestal
· Na provincia de Pontevedra beneficiáronse 41 concellos, 3 deles emprendedores, con case 975.000 euros que permitirán a contratación de 84 traballadores
· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén fixo referencia ao plan de cooperación que permitirá a 3 concellos desta comarca contratar a 12 socorristas
José Manuel Cores Tourís
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou hoxe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano 2018, da que se beneficiarán 6 persoas desempregadas de 3 municipios do Baixo Miño.
A Administración autonómica impulsa, deste xeito, o emprego no eido rural destinando máis de 6 millóns de euros a incentivar a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para que realicen tarefas de silvicultura, biomasa ou limpeza de montes.
Na provincia de Pontevedra beneficiáronse 41 concellos, 3 deles emprendedores (Mos, Arbo e Moraña), con case 975.000 euros que permitirán a contratación de 84 traballadores. Ningún Concello Emprendedor que solicitou a axuda quedou sen ela e, de media, recibiron ao redor de 22.000 euros máis que o resto de concellos beneficiarios (o dobre de axudas) e puideron contratar a dous traballadores máis que o resto de municipios.
Na comarca do Baixo Miño, beneficiaranse os concellos de Oia, A Guarda e Tomiño, cada un con dous beneficiados. En total, esta comarca recibirá 69.000 euros.
Este ano, precisamente, introduciuse como principais novidades que os contratos terán que estar relacionados coa valorización do sector forestal, ao tempo que se priorizaron nestes apoios aos Concellos Emprendedores. É dicir, tiveron prioridade no Aprol Rural as administracións locais que se adheriron ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fortalecer a captación de investimento en Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.
En global, o Goberno galego priorizará este ano máis de 80 millóns de euros para os Concellos Emprendedores a través de diferentes convocatorias de obradoiros e programas integrados de emprego, Aprol Rural e contratación de axentes locais de emprego; parques empresariais, viveiros industriais e biomasa; e apoios aos mercados excelentes e espazos activos de emprendemento.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Aprol Rural, financiará o equivalente á totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o Concello formulou a súa solicitude.
Esta liña de axudas forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural que o departamento de Economía, Emprego e Industria activou por primeira vez o pasado ano con 30 millóns de euros para mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia, ao tempo que se fixa poboación.
Finalmente, Cores Tourís tamén quixo facer referencia ao plan de cooperación que incentiva a Tui con 4 socorristas, e o de Tomiño con 2, cunha axuda global de 36.000 euros.
O delegado territorial concluíu que estes programas son unha mostra máis de que “a Xunta lidera as iniciativas de emprego da provincia, e o fai ademais a través dun sistema de cooperación cos concellos, o que implica un triplo beneficio: o aforro para as facendas locais; a garantía de que as ocupacións solicitadas responden a necesidades reais dos concellos que, como administración máis próxima, coñecen os servizos a reforzar”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario