11 de maio de 2018

A GUARDA

O Concello da Guarda informa das alternativas viables para o traslado do ‘mercadillo’  

· Os representantes municipais baseáronse nos informes elaborados pola Policía Local

O alcalde Antonio Lomba Baz presidiu a reunión  da Mesa Local de Comercio
Foto:C.A.G.
  
Sara Alonso / A Guarda

 Esta mañá, membros do equipo de goberno municipal e representantes das  asociacións de comerciantes da Guarda participaron nunha sesión extraordinaria da Mesa Local de Comercio na que se informou sobre as alternativas á actual localización do mercado popular que se celebra os sábados. 

 Asistiron á reunión o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; os concelleiros Montserrat Magallanes, Paulino Rodríguez e Mª Elena Baz; a representante da Asociación A Guarda Centro Comercial Aberto (CCA), Carmen Mª García; o representante de Mercaguarda, Nicolás Andura; o presidenta de AGUDE, Carmen Mª Álvarez; e Delia Brandón, en representación da asociación Mercado do Reló. 

 Os representantes municipais trasladaron aos comerciantes as conclusións dos informes técnicos elaborados pola Policía Local sobre as tres alternativas propostas, tendo en conta a extensión necesaria para a celebración do ‘mercadillo’, que na actualidade dispón de preto de 500 metros lineais.   

 A edil de Comercio, Montserrat Magallanes, informou aos asistentes da inviabilidade de dúas das tres propostas presentadas previamente polos comerciantes, toda vez que as rúas Joaquín Alonso e Vicente Sobrino carecen do espazo necesario para a instalación dos postos de venda e a rúa Manuel Álvarez conta con 11 entradas de garaxe e 163 prazas de aparcamento que dificultarían o normal desenvolvemento do mercado.   

 Segundo o informe, a derradeira alternativa para o traslado -á contorna da Alameda- sería a única coas características necesarias para acoller a feira, que podería celebrarse nas rúas Rosalía de Castro e Transversal Troncoso, na rúa Rosalía de Castro e a parte baixa la Alameda ou ben na rúa Galicia. Con todo, o equipo de goberno comprometeuse a analizar a viabilidade do traslado á esta última, atendendo especialmente ao tráfico. A asociación A Guarda CCA propuxo en última instancia o traslado do mercado ao recinto do antigo Estadio do Tecla.   

 A Mesa Local de Comercio celebrouse pasadas ás 10:00 da mañá no salón de plenos do Concello da Guarda con tres puntos na orde do día:  información sobre o proxecto de dinamización comercial de A Guarda CCA, a nova localización do mercadiño e información sobre a normativa de terrazas no Porto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario